A cineasta arxentina Milagros Mumenthaler apresenta "La idea de un lago" en Compostela

Un fotograma do filme

A directora e guionista arxentina Milagros Mumenthaler apresentou a sexta feira 6 de abril a súa segunda longametraxe no cinema Numax. Este sábado tivo lugar ademais unha aula coa directora dentro dun ciclo de encontros con cineastas organizado polo Concello de Santiago de Compostela.

A presentación de La idea de un lago decorreu o pasado sete de abril no cinema Numax de Santiago de Compostela coa presenza da directora e guionista da longametraxe Milagros Mumenthaler. A cineasta arxentina ofreceu, ademais, o sábado pola mañá unha aula co nome de Murmurios visíbeis,  organizada polo concello compostelán dentro do ciclo A cor das palabras. Encontro cos cieneastas. Numax organizou tamén unha serie de coloquios coa directora. Esta semana seguirá a proxectarse esta longametraxe no cinema compostelán.

La idea de un lago está inspirada no libro de Guadalupe Gaona Pozos de Aire.  Este filme trasládanos a un mundo onírico, onde lembranzas e soños se mesturan coa realidade. Inés está embarazada e quere publicar o seu libro antes do nacemento do neno. A visita á casa onde pasou os veráns da súa infancia e as fotografías que emprega no seu libro levarana de volta aos días de xogos e ledicia da súa nenez só escurecidos pola ausencia de seu pai.

Milagros Mumenthaler comezou no mundo do cinema coa curtametraxe ¿A qué hora llega papá?. Entre as súas obras destaca tamén Abrir puertas y ventanas, a súa primeira longametraxe, que recibiu o premio á mellor película no Festival Internacional de Locarno e o premio á mellor película iberoamericana no Festival Internacional de Cine de Guadalajara.