CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Miss Sloane

Un fotograma do filme

Miss Sloane

 

(EUA 2016, 132 min.) 

Dirección: John Madden

Guión: Jonathan Perera

Fotografía: Sebastian Blenkov

Música: Max Richter

Elenco: Jessica Chastain, Mark Strong, Gugu Mbatha-Raw, Michael Stuhlbarg, John Lithgow, Christine Baranski, David Wilson, Barnes, Alison Pill, Sam Waterston, Jake Lacy, Dylan Baker

 

SINOPSE

Elizabeth Sloane é unha executiva agresiva que traballa para un prestixioso lobby de Washington. Cando se lle presenta unha lexislación para minimizar ou endurecer control de armas deberá tomar a decisión de que bando apoiar. 

 

CRÍTICA

 

“A arte dos lobbies consiste na previsión. Trátase de anticipar os movementos do opoñente e idear contra medidas. O gañador sempre vai un paso por diante da oposición e xoga a carta de triunfo xusto despois de que o resto xogue a súa. Hai que se asegurar de sorprender, pero que non te sorprendan”. Os grupos de presión, máis coñecidos polo termo inglés lobbies, son organizacións que defenden intereses políticos, empresariais ou dun grupo determinado de clientes. Tratan de influenciar o máximo posíbel o poder lexislativo para que aprobe, ou descarte, determinadas leis ou normativas. A pesar de ser un sistema legal nos Estados Unidos de América, até o 2007 practicamente carecía de regulación que delimitase até onde podían chegar estes grupos de presión. E sen regulación xa sabemos até onde pode chegar calquera liberal que queira sacar tallada nun sistema imperialista-capitalista. Con todo, quen fixo a lei fixo a trampa...

John Madden (Shakespeare in Love), baixo guión de Jonathan Perera, métese de cheo neste controvertido mundiño nun filme xudicial que saca a relucir parte da corrupción inherente a este opaco sistema. Faino a través de Elizabeth Sloane, unha ambiciosa e sofisticada executiva agresiva interpretada á perfección por Jessica Chastain (Interstellar, O ano máis violento). Sloane ten un grande prestixio entre os lobistas, un prestixio gañado a pulso por vencer en todos os casos que se propón. Mais este éxito vénlle a cambio de levar unha vida dedicada en exclusiva ao traballo, sen familia, sen amigos, sen amor. A proposta de lei para o control de armas supón un dos maiores retos da súa carreira pois, nun país onde levar armas está tan enraizado que até é un dereito constitucional, ninguén foi capaz de conseguir avances significativos nese eido. Pero a máxima de Sloane é que non hai nada imposíbel e que gañar é a meta, caia quen caia... Chastain é a protagonista absoluta nun filme feito a súa medida polo que estivo nomeada aos Globos de Ouro. Constrúe unha personaxe moi na liña de Isabelle Huppert en Elle (2016, Paul Verhoeven) pero sen chegar á sordidez desta, pois non esquezamos que pese a ser unha crítica ao sistema e á corrupción dun sistema que, xa de por si, fede, O caso Sloane continúa a ser un filme de Hollwood. A trama bascula entre xuízo e flash-back explicativo que narra os motivos que explicasen que se chegase a tal situación. O guión vai aos tombos en certas partes, pero tamén é capaz de ir soltando paseniño os dados necesarios para manter a expectación até o veredicto final. O desenrolo lembra bastante o de Spotlight (2015, Tom McCarthy), gañadora do Óscar a Mellor Filme e Mellor Guión o ano pasado: moito diálogo, traballo en equipo, investigación in crescendo e centros de operacións en oficinas diáfanas onde non se para de dar ordes. Así que, tanto se aplaudiches que lle deran a Spotlight o Óscar a Mellor Filme (en detrimento de Mad Max: furia na estrada ou O renacido), como se deveces polos filmes xudiciais con boas interpretacións e veredictos finais inesperados, gozarás moito con O caso Sloane.