Entre o 13 e o 21 de outubro, XXIII de Galicreques

Monicreques de toda a parte

Monicreques. Foto: cedida.

Compañías galegas, venezolanas, brasileiras, arxentinas ou do Estado español enchen o programa da XXIII edición do Festival Galicreques. Será entre o 13 e o 21 de outubro en Compostela e integrará máis de 25 espectáculos, 13 deles dirixidos ao público máis novo.
 

A Asociación Cultural Barriga Verde organiza o xa veterano encontro en colaboración co Concello da capital, o Agadic, a Deputación provincial e a Fundación SGAE. “Reeditamos o noso duplo compromiso”, sinalan desde a organización, “achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e a creación de novos públicos para a escena”.

 

Así, centos de rapaces e rapaces asistirán ás funcións de Galicreqeus, afirman. Farano en espazos como a Fundación SGAE, o Teatro Principal ou o Centro Cultural Santa Marta. Os maiores de catro anos verán obras como Orellas de Trapo, de Títeres Brincadeira, en una canasta, dos arxentinos Uluria Teatro, La caperucita, dos tamén arxentinos Tres Tigres Teatro ou ¿Quién soy?, dos aragoneses Teatro de Medianoche.

 

Para audiencias un pouco máis maiores -a partir de 10 anos e estudantes da ESO e o Bacharelato- os madrileños Mazzú Teatro representarán Home, Os Monicreques de Kukas farán o propio con Requiem por un monicreque -escrito por Roi Vidal Ponte- e a alianza arxentino galega de Tres Tigres, Chachakün e Títeres Cachirulo, Viaje a un país de Cortázar.