Un monolito para Manuel María nun dos corazóns de Euskal Herria

Manuel María, á beira do Miño en Outeiro de Rei. Maio de 1994.

O vindeiro 20 de maio inaugúrase en Laudio (Araba), no parque de Lamuza, o monumento adicado ao escritor de Outeiro de Rei “polo seu labor a prol das culturas galega e vasca”. Máis un paso para lembrar a pegada de Manuel María no país Vasco.

Deabruak Teilatuetan é un grupo euskaldún da época dos 90, daquela escudería inesquecíbel que se formou en torno á disqueira ‘Esan Ozenki. Un conxunto que combinaba rock, punk e power pop para dar varios himnos xeracionais (‘Noiz edo noiz’, ‘Zuentzat’..). Poida que moita xente non o saiba mais este grupo de Tolosa ten nun seu disco unha canción con letra de Manuel María (Amari hitzak). Un exemplo de que o de Outeiro de Rei non é un descoñecido en Euskal Herria.

O vindeiro 20 de maio procederase a inaugurura no parque Lamuza de Laudio un monolito en honra e lembranza a Manuel María. Un acto impulsado pola Peña deportivista Anduriña e o Centro Galego desta localidade alavesa, e que conta co apoio do concello. “Ao insigne poeta Manuel María polo seu labor a prol das culturas éuscara e galega”, rezará o monumento, complementado cun retrato do autor e os primeiros versos de ‘Galiza’, tanto en galego como en euskera.

Como lembran os promotores da iniciativa, Manuel María tivo unha intensa relación con Euskadi, un país que visitou en numerosas ocasións para participar en recitais, conferencias, coloquios, homenaxes... ao longo e ancho: de Barakaldo a Biarritz, de Iruñea a Laudio, Donostia, Gasteiz, pasaia ou Sestao.

Traducido

Mantivo unha estreita amizade co poeta e escritor vasco Gabriel Aresti, co que mantivo unha abundante correspondencia, admirou o autor de Iparralde Francis James, participou nos Galeuscas de escritores, publicou libros e artigos,... Tivo contacto e relación con nomes tan importantes para a cultura vasca como o cantante Mikel Laboa ou escritores como Koldo Izagirre ou Ramón Etxezarreta.

Varios dos seus traballos foron traducidos ao éuscaro por escritores como Koldo Izagirre, ou Joseba Sarrionandia. O auto do Maio esmaiolado, Unha espiña de toxo chamada Berenguela, Poemas Náufragos, Saturno,  poemas soltos....