CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Un monstro vénme ver

Un fotograma do filme

Ollo, a nova de Bayona chega precedida dun grande eco mediático. Está xustificado? A ver que di o noso crítico de cabeceira.

A Monster Calls

(2016, 108 min.)

Dirección: J.A. Bayona

Guión: Patrick Ness

Fotografía: Óscar Faura

Música: Fernando Velázquez

Elenco: Lewis MacDougall, Sigourney Weaver, Felicity Jones, Toby Kebbell, Ben Moor, James Melville, Jennifer Lim, Geraldine Chaplin, Liam Neeson

SINOPSE

Un neno de 12 anos ten a nai enferma, un pai ausente e unha aboa moi estrita, por riba ha de facerse cargo das tarefas do fogar e no colexio sofre de acoso escolar. Unha mala racha que provoca a visita dun monstro con forma de árbore.

CRÍTICA

Éxito absoluto de taquilla da terceira longametraxe de J.A. Bayona. Na semana de estrea colouse no listado das 10 máis vistas do mundo. Si, do mundo... E é que o boca orella tras presentarse no Festival de San Sebastián fixo as veces da mellor promoción que poderían soñar. Din por aí que “é de chorar”. Pois si, é. E non é... Conta unha historia triste. Moi triste. Bayona coñecedor (de sobra) desta circunstancia opta, sabiamente, por poñer unha estudada “barreira” musical e de montaxe para evitar que todo o público se poña a chorar como unha madalena. Podería facelo moi doadamente engadindo uns violíns lacrimóxenos e achegando lentamente a imaxe, mais evita caer nestes clixés para contar a historia desde a perspectiva, logrando así que o público manteña certa distancia, e enteireza, ante os acontecementos. O que poida, claro, porque se queres chorar... choras. De feito é tal a variedade de teclas sentimentais que pode alcanzar que nunha mesma sala poden confluír xente que chora, os que simplemente se emocionan, os que non a entenden e, por ende, non lles gusta, ou os que quedan durmidos, que deses sempre hai...

Un profundo drama sobre a vida real contado desde o punto de vista dun neno cunha desbordante imaxinación atormentado por un pesadelo recorrente

Que un filme de tanta calidade humana e narrativa coma Un monstro vénme ver acabe por se converter nun filme de masas leva implícito que sempre haxa quen acuda un pouco enganado pensando que vai a unha de medo, ou algo do tipo Meu amigo o xigante (que estreou este mesmo ano Spielberg) ou simplemente unha para nenos, xa que o protagonista é un. Pero nada diso... Bayona mira de esguello a O labirinto do fauno (2006, Guillermo del Toro) e O meu veciño Totoro (1988, Hayao Miyazaki) para adaptar a novela de Patrick Ness. Un profundo drama sobre a vida real contado desde o punto de vista dun neno cunha desbordante imaxinación atormentado por un pesadelo recorrente. “Como comeza a historia? A historia comeza cun rapaz demasiado maior para ser un neno e demasiado novo para ser un home. E un pesadelo...”. E pouco máis habería que saber, e pouco máis recomendo que se saiba. A trama vaise presentando paulatinamente, coa precisión dun mago, logrando formar un estraño quebracabezas que non acaba de encaixar por completo até que se coloca a derradeira peza. Unha peza que permite deixar de contemplar a (enorme) árbore para divisar o bosque. E é xusto nese intre cando se produce a catarse colectiva final. Xenial. De quitarse o chapeu. Calidade técnica e visual sen discusión sumada a uns efectos especiais (e artísticos) fora do común. Atención á color tonal e ao toque de acuarela: puro arte en movemento. Para dar vida ao monstro, na versión orixinal, conta coa voz inestimábel de Liam Neeson (Rob Roy, Michael Collins), embora a motion capture sexa de Tom Holland que, curiosamente xa traballara con Bayona en O imposíbel. De feito semella que Bayona, aparte de ser un excelente director, é todo un descubridor de talentos infantís. Con O orfanato xa destapara a Roger Príncep (Os xirasoles cegos, Paxaros de papel) e con O imposíbel catapultou a carreira dun Tom Holland chamado a ser o Spider-Man “definitivo”... e tras a súa xenial aparición no Capitán América: Civil War non se descarta que o sexa. Agora é a quenda de Lewis MacDougall e atendendo ao despregue interpretativo que fai en Un monstro vénme ver, ben podería acadar cotas incluso máis altas que os seus colegas anteriores. Completan o elenco un xenial trío de actrices: a flamante Premio Donostia 2016 Sigourney Weaver (Alien, Luces vermellas), a presenza testemuñal, pero imprescindíbel, de Geraldine Chaplin (A idade da inocencia, Finisterre), así como a abraiante e camaleónica interpretación de Felicity Jones (Inferno, A teoría do todo) que moi pronto estará até na sopa por mor do inminente spin-off de Star Wars episodio IV titulado Rogue One... Un monstro vénme ver dá unha boa dose de crúa realidade a través dos ollos inexpertos e fantasiosos dun neno pero tamén transmite maxia, emoción e, sobre todo, algo moi pouco habitual nos tempos que corren: vai gañando enteiros canto máis pensamos nela. Un clásico inmediato.