O alumnado do IES Illa de Ons pon en escena unha revisión contemporánea e feminista dos Miserábeis
A representación teatral gañou o premio de Innovación Educactiva 2019 da Xunta.
Os Miserábeis como teatro, Os Miserábeis como historia, Os Miserábeis como porta aberta para investigar, interpretar e reactualizar. A novela histórica que Vítor Hugo publicou en 1862 revive, con nova visión, nos escenarios do Morrazo e faino da man do alumnado do IES Illa de Ons.
Unha representación que é un proxecto pedagóxico, unha “revisión contemporánea e feminista” deste clásico. “O traballo non só consistiu en mellorar as súas habilidades no teatro, senón que tamén se dedicaron a investigar sobre as proclamas revolucionarias da época, a coñecer as enfermidades ás que se tiveron que enfrontar, os personaxes importantes deste período, etc. Desta forma, aprenderon o sucedido desta etapa, así mesmo comprenderon o que foi subsistir neses tempos, a través dos seus personaxes”, explican nun comunicado desde o centro educativo.
Esta cuarta feira, día 19, o Auditorio de Cangas acollerá a representación. Sobre as táboas: Jean Valjean (interpretado por Darío Camiña), o Inspector Javert (Óscar Rodríguez, Fantine (Teresa C. Bernárdez) Cosette (Alba Louzao), tamén unha líder revolucionaria (Alejandra Louzao), Enjolras (Manuel Estévez) e Gavroche (Sara Esperante).
Esta representación teatral foi a gañadora do premio de Innovación Educativa 2019 entregado pola Xunta. A función representarse no Centro Social do Mar de Bueu, esta sexta feira, 21 de xuño, ás 20:30.