Morre o cineasta francés Alain Resnais

Alain Resnais

Representante da Nouvelle Vague francesa, o realizador Alain Resnais morreu con noventa e un anos poñendo fin a unha traxectoria duns cincuenta filmes, entre eles, “Hiroshima mon amour”. 

Canda François Truffaut e Jean-Luc Godard compuñan a tríade de ouro da coñecida como Nouvelle vague, a onda que revoltou o audiovisual e mostrou outra maneira de compoñer cinema. A de Alain Resnais é unha carreira longa, comezada de moi novo, aínda un neno, cando se botou a experimentar en 8mm e continuada con iniciais traballos dedicados a artistas como Van Gogh ou Gauguin que anticiparían unha dilatada carreira na que o cine sería a súa paixón, por veces, nun singular encontro coa literatura. 

Xa nos seus inicios, en 1955 con Marker, realiza  Nuit et brouillard, Noite e néboa, un verdadeiro berro de denuncia contra o holocausto nazi que se converteu co tempo en material pedagóxico para mostrar ao mundo o horror do réxime imposto por Hitler e o silencio e consentimento que, como un manto de néboa, se tecía arredor dos espazos do horror. Na Galiza, a deportada Mercedes Núñez, que viviu inferno das mulleres de Ravensbruck, pasou -como moitas outras persoas que padeceron os campos- os últimos anos da súa vida explicando o terror co filme de Resnais nos centros de ensino e a maneira en que a “néboa” pode ocultar e consentir o terror. 

A súa primeira longametraxe, Hiroshima, mon amour (1959), con guión Marguerite Duras daríalle xa lugar de preferencia na historia do cinema. A memoria, máis unha vez, tórnase protagonista do filme de Resnais. Virían despois O ano pasado en Marienbad, sobre La invención de Morel en adaptación e Robbe-Grillet-, considerada unha das obras mestras do cine francés. Muriel, A guerra terminou -con guión de Jorge Semprún-, Quérote, quérote, Stavisky, Providence -sobre relatos de Lovecraft- , A vida é unha novela, O amor á morte, Quero volver a casa , Smoking e No Smoking, ou Corazóns son algúns dos títulos que se recollen na súa ampla filmografía. 

A obra de Resnais foi recoñecida co León de Ouro do Festival de Venecia e o Oso de Plata do de Berlín.