Obituario

Falece aos 71 anos o artista César Fernández Arias

O artista César Fernández Arias.
As redes sociais despiden o pintor, ilustrador, debuxante e escultor venezolano que se criou na Coruña.

O pintor, ilustrador, debuxante e escultor venezolano César Fernández Arias faleceu esta cuarta feira aos 71 anos de idade. O artista, criado na Coruña, era recoñecido por "captar nas súas liñas xeométricas paisaxes cotiás do social, tipos populares ou a xente que vive a vida ao límite", tal e como salientan desde SUR Escuela, onde el era profesor e onde o despiden "con gran tristura".

A noticia causou estupor no sector e as redes sociais comezan a inzarse de mensaxes que o lembran. "Onde irá agora toda esta invención feliz, quen nos sorprenderá co surrealismo ovni, quen nos contará historias marabillosas?", dixo o deseñador Pepe Barro, sobre quen considera "todo un exemplo de artista irredento".

Segundo destacan desde o Museo de Belas Artes da Coruña tiña un "especial interese na experimentación de materiais e traballos manufacturados e a súa obra caracterízase polo emprego de elementos reciclados, sendo partícipe do grupo de artistas que pensan en verde".

"Na súa obra penétrase na vida urbana, a psicose e as utopías humanas para redescubrir novos mundos e reflectir o seu propio. Para iso utiliza o cómic e a ilustración gráfica nos máis variados soportes", acrecentan.