Unha mostra analiza en Ferrol a emigración galega ao Reino Unido

Materiais expostos en 'As xeracións do Montserrat'.
Entre 1960 e 1974 uns 250 000 galegos e galegas trasladáronse ao Reino Unido.

Esta quinta feira, 13 de xuño, inaugúrase en Ferrol unha nova itinerancia de As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. A mostra pretende recuperar a memoria daquelas persoas que tiveron que emigrar na segunda metade do século XX e, a través dela, documentar non só ese tránsito entre países e culturas, senón o contexto social, económico e afectivo que rodeaba a este colectivo que buscaba unha vida mellor.

Trátase dunha das correntes migratorias menos visibilizadas e tamén unha das menos numerosas en termos cuantitativos, aínda que entre 1960 e 1974 uns 250 000 galegos e galegas se trasladaron ao Reino Unido.

A mostra, inaugurada no Kiosco Alfonso da Coruña en novembro de 2023, continúa a súa itinerancia en Ferrol, logo de estar exposta até o pasado 26 de maio na Casa das Artes de Vigo.

A exposición mostra documentos, filmacións, fotografías e materiais pertencentes a un total de dezanove persoas, a maioría delas procedentes das zonas da Coruña, Betanzos, Ferrol e A Mariña, que permiten reconstruír a memoria emocional de varias xeracións de emigrantes.

O comisario é Xesús Fraga e conta co deseño Pepe Barro, que será o encargado de facer unha visita guiada tras a inauguración.