CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Mr. Holmes'

O último do binomio Ian McKellen – Bill Condon. 

 

MR. HOLMES
(Estados Unidos, Reino Unido 2015, 104 min.)
Dirección: Bill Condon
Guión: Jeffrey Hatcher
Fotografía: Tobias A. Schliessler
Música: Carter Burwell
Elenco: Ian McKellen, Laura Linney, Milo Parker, Hiroyuki Sanada, Frances de la Tour, Hattie Morahan, Patrick Kennedy, Roger Allam, Philip Davis, Takako Akashi, Sarah Crowden, Nicholas Rowe

SINOPSE
Tras unha longa viaxe a Xapón, Sherlock Holmes volve ao seu retiro espiritual en Sussex para coidar das súas apreciadas abellas e rematar as súas memorias antes de morrer. Trae consigo un milagreiro produto natural que potencia a memoria, bastante tocado pola idade. Roger, o bulideiro fillo da ama de chaves, será unha motivación extra para rematar o proxecto.

CRÍTICA 
Cando se decidiu levar ao cine a novela fanfic de Mitch Cullin sobre un Sherlock Holmes nonaxenario retirado na campiña inglesa, apicultor axudado por un cativo que lle inspira a lembrar o extraordinario suceso do seu pasado que o precipitou a deixar de súpeto o oficio de detective, inmediatamente se pensou na dupla Ian McKellen – Bill Condon, tirando do éxito que tiveran ambos cunha historia parecida en Deuses e Monstros sobre os derradeiros días do director James Whale e a relación interxeracional (e homosexual) cun mozo interpretado por Brendan Fraser. 

"Bill Condon non desaproveita a oportunidade de volver dirixir ao gran McKellen e, por riba, cunha historia inspirada na personaxe de Arthur Conan Doyle"

En Mr. Holmes suprímese a carga homosexual, pero as semellanzas son máis que razoables. Así que Bill Condon non desaproveita a oportunidade de volver dirixir ao gran McKellen e, por riba, cunha historia inspirada na personaxe de Arthur Conan Doyle. Borrón e conta nova para esquecerse do chasco estrepitoso d’O quinto poder, os encargos, alimenticios iso si, das últimas achegas da saga Crepúsculo e, de paso, acala esas voces que o daban por morto (cinematograficamente falando, claro). Cóntanse por decenas os actores que fixeron o rol de Sherlock Holmes: a modo clásico temos os de Christopher Lee, Peter Cushing e Basil Rathbone, que é o que máis veces o interpretou na gran pantalla; tamén máis recentemente o pasado de voltas de Robert Downey Jr. xunto a un xesticulante Jude Law e baixo a batuta de Guy Ritchie; e como esquecer aquela marabillosa serie de debuxos animados ideada por Miyazaki onde todas as personaxes eran canciños? Lembran a canción? [...] Xa en plan fanfic, é dicir relatos non escritos polo autor orixinal pero coas personaxes da novela, temos a inefable de Garci (Madrid Days) que o levaba a Madrid para investigar a Jack o Destripador (sic), o Sherlock drogadicto de Billy Wilder (A vida secreta de Sherlock Holmes) ou aquela sensacional película de aventuras de Spielberg (O segredo da pirámide) de Sherlock adolescente nunha trama exipcia. 

Nesta estela está tamén a novela de Cullin que segue esta hipótese de como sería a personaxe de Holmes, pero en vez de ser novo, é ancián. Apuntando unha curiosidade dicir que Nicholas Rowe, o que interpretaba a Holmes en O segredo da pirámide, tamén sae en Mr. Holmes. Boa chiscadela, si señor... O filme de Condon destaca polo clasicismo e corrección británica ao máis puro estilo James Ivory ou Richard Attenborough, pero por riba de todo destaca Ian McKellen que está, coma sempre, a outro nivel e apunta un gran nome á lista: Gandalf, Magneto, Ricardo III e agora ao detective privado máis famoso de todos os tempos. Coa mestría e a clase que o caracteriza interpreta a un home culto e de intelixencia superior coma Sherlock Holmes que sufre, e acepta de maneira consciente e lóxica, o terríbel esquecemento propio do paso dos anos. 

Por propia idiosincrasia asume que é parte da vida e da morte, pero ao tempo trata de loitar para que non lle chegue a hora antes de rematar un dos misterios máis difíciles ao que se enfrontou en toda a súa vida: el mesmo. Un Holmes moi humano que case semella que existiu na realidade. A min fíxome dubidar por un intre para canto máis aos neófitos que se acheguen a velo. Xunto a McKellen, Laura Linney (Kinsey, Mystic River) na pel da ama de chaves, e o cativo Milo Parker como fillo desta, un rapaz de ollos moi expresivos que promete bastante. Atención tamén á soberbia banda sonora de Carter Burwell, cuns acordes de piano que poden lembrar ao xaponés Joe Hisaishi. Algo nada casual posto que o autor da novela vive no Xapón e desenrola parte da trama nese país. Mr. Holmes cheira a Óscar, pero cheira no sentido pexorativo, xa que parece todo moi prefabricado para, cando menos, estar presente na vindeira edición dos premios da Academia de Hollywood: recorrente banda sonora, excelentes interpretacións, boa fotografía, historia bonita... Iso si, aposta segura para acudir ao cinema a sabendas que non se van tirar os cartos no sumidoiro.