Análise

Mulleres da memoria

Foliada despois da tasca do liño en San Xulián de Poulo, Ordes, (comarca homónima) a mediados dos anos 60. (Foto: Fondo Fotográfico Rey-Henningsen / Arquivo Gráfico do Museo do Pobo Galego).
Manuel Vilar Álvarez é director do Museo do Pobo Galego.

A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular. Un recoñecemento á creatividade popular, á transmisión oral e á resistencia cultural representada polas mulleres.

Será coa aparición dos estudos de folclore cando a recolla de cantigas e outros xeitos de literatura popular sexa un tema a considerar. Era unha mirada a un mundo que se perdía, nuns lados antes ca noutros. Moitas desas recollas e cancioneiros só se centraban na letra, na dimensión poética, esquecendo o son. Tanto a recolla destas expresións orais como a de cantares sen música, é dicir, converter documentos orais en textos escritos, o que poderiamos cualificar con Jack Goody como "domesticación do pensamento salvaxe", ten paralelos noutras latitudes. Como exemplo pode valer a anécdota que se conta do escritor escocés Walter Scott, quen tamén recolleu coplas, lendas e contos. Cando soubo que a nai do seu amigo James Hogg era unha cantareira, pediulle a este que lla presentara para poder transcribir as cantigas que ela cantaba. A muller quedou sorprendida por ese interese e preguntoulle ao escritor por que as quería copiar se foran feitas para seren cantadas, non para seren lidas. 

A recolla era como un xeito de reivindicar unha cultura popular propia, unha tradición, entendida como unha estratexia de afirmación colectiva

Aquí, entre nós, aínda que con referencias anteriores, caso de Martín Sarmiento, será cara a mediados do século XIX cando o interese pola literatura popular agrome, tanto desde os folcloristas como doutros campos, por exemplo Murguía. Persoas como Saco y Arce, Pérez Ballesteros, Bouza Brey ou Xaquín Lorenzo publicaron cancioneiros. Outras, desde a etnografía e seguindo o ideario do Seminario de Estudos Galegos, atenderon a recolla de literatura popular, buscando nela unha información sobre a sociedade que as cantaba, contaba ou dicía, polo que expoñían desa sociedade, polo que gardaban da Historia. Despois virían as recollas feitas polos grupos folclóricos e por músicos, estes xa co casete na man. Aquí queremos mencionar ao antropólogo danés Gustav Henningsen quen estivo na comarca de Ordes a mediados da década de 1960 co seu magnetófono e cámara fotográfica. Unha mención especial para a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, quen marcou un antes e un despois.

Tradición e transmisión

A recolla era como un xeito de reivindicar unha cultura popular propia, unha tradición. A tradición entendida como unha estratexia de afirmación colectiva, como expresión dunha vontade de continuidade e permanencia, polo tanto, vontade de futuro. Esta énfase na tradición podemos entendela no sentido proposto polo antropólogo irlandés Diarmuid Ó Giolláin como o canon en literatura, como algo acreditado, auténtico e persistente ao longo do tempo, polo que a "tradición" expresa identidade ou, mellor aínda, é un exercicio de identidade.

Recolla que era tamén un xeito de mostrar un modo de vida aínda vivo, mais que se sentía en proceso de cambio ou desaparición. Esas expresións que se daban en xuntanzas populares, festas, fiadeiros, seráns, traballos colectivos, axudas, e que don Antonio Fraguas englobaba todas como parte da "festa popular", dicía que se deixaran de celebrar ao principio da Guerra Civil e, máis, "a desaparición da festa popular puxo tamén remate ó canto na Galicia campesiña porque todo se cubreu de tristeza". E cando fala das vésperas que se facían en moitas romarías nas que había bailes "coa correspondente música e gaiteiros, pero a guerra civil forzou o tremendo parón de todas as diversións". Podemos entón colocar a data de 1936 como unha marca significativa no devalo da transmisión, devalo que seguiría coa forte emigración nas décadas seguintes e as transformacións que se deron no mundo rural. Cambios que implican unha deslocalización ou desapego e, tamén, unha desgaleguización.

Mais agora a oralidade non é a forma de transmisión cultural e social determinante. A palabra oral deixou de ser o instrumento privilexiado de comunicación. Hai que ir aos arquivos para escoitar o que a xente cantaba e contaba, para que a tradición siga sendo un proceso de transmisión e non algo estático. Arquivos, como o APOI do Museo do Pobo Galego, son lugares de preserva da tradición, repositorios de sedimentacións colectivas. Entón, desde aquí, podemos renovar a tradición. Tradición como transmisión e innovación, incluso pode entenderse como novidade ou contracultura radical, e entender a identidade como un proceso complexo de reconstrución permanente, metamorfose en tránsito. Mais a identidade é tamén a continuidade dunha sociedade no tempo.