O Museo do Pobo Galego mostra 'Rosalía: Proclamar ao mundo que Galiza existe'

No mesmo monumento arquitectónico no que repousan os restos da Cantora do Sar, a escasos pés do seu mausoleo, inaugurouse esta cuarta feira unha exposición en vinte paneis que percorre os espazos vitais e literarios da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos.
Á dereita, arriba, Francisco Rodríguez; abaixo, Anxo Louzao. Á esquerda, intervención de Rodríguez ante as persoas que asistiron esta cuarta feira á inaguración da mostra. (Fotos: Arxina)
photo_camera Á esquerda, arriba, Francisco Rodríguez; abaixo, Anxo Louzao. Á dereita, intervención de Rodríguez ante as persoas que asistiron esta cuarta feira á inaguración da mostra. (Fotos: Arxina)

Tal locus memoriae, Bonaval serve de cúpula celeste para albergar este proxecto divulgativo, social, de actualización e, outrosí, pedagóxico, apto para todas as idades –recomendábel, incluso– con textos explicativos provistos dunha linguaxe que non dá pé a ambigüidades. Rosalía: Proclamar ao mundo que Galiza existe está editada por Vía Galega e Galiza Cultura, con textos de Francisco Rodríguez, fotografías de Anxo Louzao, debuxos de Pepe Carreiro e deseño de Bruno Lopes Teixeiro. Colaboraron no proxecto, á hora de facilitar o acceso ao material gráfico, tanto a Fundación Rosalía de Castro como a Real Academia Galega.

As imaxes de Carreiro, de trazo decidido e por veces expresionista, curvo ou anguloso, metafórico ou figurativo, con riscos negros e fondos que adoitan ser albos –e recordan en certo xeito as estampas de Castelao– asígnanlle á mostra actualidade tamén desde a estética. Estética que se completa e complementa non só cunha iconografía clásica coa adoitamos recoñecer a propia Rosalía (for nas estampas de María Casdarelly e Luis Sellier, for na de Juan Palmeiro), senón que tamén a percibimos forte, rexa, sensíbel e actual desde o aspecto, teatralizado e case mítico, que lle ofrece a actriz María Barcala naquel seu monólogo titulado Libre como os paxaros.

A exposición inaugurouse esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego, en Compostela. (Foto: Arxina)
A exposición inaugurouse esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego, en Compostela. (Foto: Arxina)

A biografía, enfiada de xeito cronolóxico, dispón dos necesarios contextos sociopolíticos para entender, na súa amplitude e en concreto, o significado dos versos de Rosalía, o porqué dos seus pensamentos, actitudes e reivindicacións. Ideas, feitos e produción literaria que continúan en vixencia: a loita polo pobo –tanto no concepto de patria como no concepto social–, a igualdade natural da muller diante dun mundo de homes, a defensa do idioma e dos humildes, da liberdade de pensamento, de crer ou non desde a relixiosidade, de crer ou non no celibato ou no matrimonio... de convencerse e convencer a (nos)outros de que aínda na derrota –mañá será vitoria– a idea prevalece e o camiño, por veces congostra, continúa o seu curso. 

Amais de todo isto, a mostra tamén serve de itinerario polas vivendas nas que, en Compostela, A Coruña, Padrón, Madrid, Simancas... residiu aquela que ten “na fronte unha estrela, no bico un cantar”, como dixo Curros. Pero, abofé, é de utilidade como escolma literaria, con versos e textos narrativos ou filosóficos relevantes, coñecidos algúns e outros menos divulgados que, sen dúbida, son proclives a facernos cavilar en algo máis aló do panel, en algo máis aló da palabra, da fotografía, do debuxo e das cores malvas que enchen os fondos.

Nacer cunha “Roxa Estrela”

O primeiro dos paneis, titulado Nacer cunha “Roxa Estrela”: De familia fidalga arruinada a nai agarimosa, versa sobre as súas orixes, a identificación dos seus proxenitores e ascendentes e como a naipela, logo de nacer no Camiño Novo compostelán (daquela pertencente ao concello de Conxo), foi bautizada na igrexa do Hospital Real. O segundo taboleiro aborda a educación nunha familia monoparental, mais constituída en tríade pola cativa, a súa nai Teresa e a madriña María Martínez. Porque malia as carestías, Rosalía puido recibir formación en música, francés, cultura literaria e debuxo, entre outras disciplinas. Queremos resaltar, asemade, aquel panel no que vemos unha autora asentada  en Madrid busca vivir da súa escrita e como Murguía lle presta axuda e apoio. Con este home, referente da historiografía galega, casa en 1858, ano no que a poeta –filósofa– lanza desde  o Album del Miño o famoso texto titulado “Lieders”, primeiro manifesto feminista da Galiza: “Yo soy libre, nada puede conter la marcha de mis pensamientos, y ellos son la ley que rige mis destinos”.

Tamén se resalta, ao longo de varios taboleiros, máis en particular no quinto, a pretensión da escritora de construír unha literatura nacional en lingua galega, apoiada por un forte tecido social. E aínda que a exposición salienta moitos aspectos dela, como a súa colaboración no xornalismo decimonónico ou a creación de obras literarias tan relevante como Cantares Gallegos e Follas Novas, tamén mergulla en pequenos textos, para nada menores, que fan espertar en nós novas luces no retrato, outrora en escala de grises, da propia Rosalía. Como non interpretar unha modificación da súa imaxe ao lermos pezas como aquela “Carta a Eduarda” (en alusión a súa amiga falecida, Eduarda Pondal, irmá do vate de Ponteceso)? Nela condena con rotundidade as miradas dos homes cara á muller escritora, pois ven no marido o produtor literario e nela unicamente a sinatura.

Anxo Louzao sinala que “esta mostra, con análises sociolóxicas e literarias moi atinadas de Francisco Rodríguez, busca ser itinerante e que percorra os centros sociais, de ensino secundario, bacharelato e formación profesional do país”, polo que solicita ás “propias administracións que apoien o proxecto”. 

Rosalía de Castro como émulo e estímulo

Francisco Rodríguez, gustou de explicar esta cuarta feira no Museo do Pobo Galego que a “angustia rosaliana vénlle provocada pola frustración propia de non acadar certos obxectivos no plano da acción e do traballo persoal. A súa obra tivera maior impacto en Catalunya e na Arxentina que na Galiza”. Tamén engade que “a partir da restauración borbónica hai un cambio fulcral na súa vida provocado polos desastres familiares e as limitacións económicas. Murguía chega incluso a recoñecer que, na Matanza, alguén agredira a Rosalía en presenza dos seus fillos”.

A mostra foxe, xa que logo, da transmisión dos estereotipos borrallentos cos que –algunhas persoas tendenciosas e pouco coherentes coa figura rosaliana– quixeron debuxar a poeta, máis mística que moderna, combativa e mergullada nos problemas sociais. Eses problemas que, coma esta cuarta, seguen a ser actuais: a emigración, a fame nos fogares, Galiza, a xustiza, o medio ambiente (hogano extrapolábel ao chantado de papaventos eólicos e pasteiras para dar pasto ás faldriqueiras do señor!)... A súa era unha “chamada á guerra”, como ela dixo. Por iso, sen ambigüidades, (sub)xace unha segunda lectura no mesmo plano que a (in)formativa. Isto é, a lectura desde a reflexión: Rosalía como émulo e estímulo! Rosalía no seu Proclamar ao mundo que Galiza existe.

Comentarios