MÁIS

Música entre os piñeiros

Participantes na "matraquillada" dirixíndose a Campo Maneiro nos seus chimpíns, na anterior edición. (Foto: Festival Antrospinos)
Este sábado a parroquia de Taragoña érguese para troulear no torreiro de Campo Maneiro

O Festival Antrospinos enceta este sábado a súa décimo sexta edición na parroquia de Taragoña, Rianxo (O Barbanza). A troula e a boa música da Galiza non faltarán no torreiro de Campo Maneiro. Antrospinos xa é unha cita obrigada para as festivaleiras e os festivaleiros da Galiza. Taragoña conta cun público leal, que aumenta edición tras edición. 

A xornada comeza, como xa é tradición, coa súa popular "matraquillada" con guerra de auga incluída: unha procesión de tractores e chimpíns por Taragoña até o torreiro de Campo Maneiro, padecendo a molladura dos veciños e veciñas polo camiño. Alí a algueirada propia destes festivais non rematará até altas horas da madrugada. 

Pulpiño Viascón abrirá o Antrospinos cunha sesión vermú para ir quentando motores. A noite comezará con De la Cruz Show seguido de Cuarta Xusta. O tradicional galego mesturarase coa música da Arxentina grazas ao folk electrónico de Catuxa Salom. Saraghallada vén desde as costas de Ribeira para provocar unha foliada tradicional nesta edición do Festival Antrospinos. Mais a festa non rematará coa fin do día. A partir da 1.30, o grupo Harry May fará bailar todo o torreiro cunha verbena ao estilo punk rock. O DJ Crooked Savage fechará esta edición. As súas sesións mesturan unha ampla variedade de estilos musicais, desde o rock indie até o house pasando polo uk garage.

O patrocinio do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña, xunto co de diversas entidades privadas, permiten que este festival manteña os seus valores. É totalmente de balde, facilitando así que calquera persoa baile ao ritmo da música feita na Galiza.