Nace a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes

Vista da central térmica das Pontes. (Foto: Sanguer)
Reclama que se conserven a cheminea e "outros elementos de alto valor" como o parque de carbóns.

Despois de manter recentemente nas Pontes unha reunión pública coa veciñanza sobre o futuro do patrimonio industrial da central térmica -na que tamén participaron a portavoz do PP, María del Carmen Dopico, e o seu homólogo do BNG, Francisco da Silva- naceu a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, que ten como obxectivo conservar elementos da arquitectura industrial que corren risco de desaparecer co desmantelamento da central.

No seu manifesto de presentación, a Plataforma solicita a Endesa que renuncie ao proxecto de demolición de parte das instalacións da central térmica. Reclaman, concretamente, que se conserven a cheminea e "outros elementos de alto valor" como o parque de carbóns, unha estrutura para almacenamento deste material na factoría.

O pasado mes de xuño caducou o expediente que solicitaba a declaración da cheminea da central como Ben de Interese Cultural, polo que este elemento fica sen protección administrativa.

Ademais, afirma o manifesto, "hai outras instalacións na propia Central que, sen ter carácter patrimonial, non ten lóxica desfacerse delas sen facer unha valoración sobre as posibilidades de uso; referímonos a talleres, almacéns, oficinas...".

O colectivo tamén se dirixe ao Concello para que "acorde a suspensión temporal dos efectos da licenza concedida até que unha comisión Endesa-Concello-Xunta-Plataforma determine de forma razoada os elementos patrimoniais mínimos a conservar". E solicítalle que "someta a demolición a unha consulta popular", referíndose a antecedentes como a consulta sobre as chemineas de Sant Adrià de Besòs (Catalunya) dunha Central de Endesa no ano 2008.