Contracultura

Greta Marí: "Nas artes vivas só hai unha oportunidade, mais sempre hai espazo para a improvisación"

Greta Marí xunto ao coche teledirixido que a acompaña no espectáculo. (Foto: Nós Diario)
Greta Marí aplica todos os seus coñecementos como licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte na súa especialidade de expresión corporal para crear un novo espectáculo no que combina danza, circo e humor, The great Greta. Nel, a artista aborda escenas da vida cotiá levadas á súa máxima expresión e acompañadas dunha coidada escenografía.

—Tras varios anos no ámbito teatral, como chegou a desenvolver un espectáculo como The great Greta?
Levo máis de dez anos dedicándome a isto, antes tiña un dúo cómico e agora estou nunha xira dun espectáculo con outras cinco mulleres acróbatas, A punta do meu nariz. Tiña ganas de facer algo eu soa. É basicamente unha necesidade que xorde como muller creadora con ganas de estar na escena e medrar profesionalmente e a partir de aí comezar a preguntarme que ocorre cando me poño en escena, que vou facer, de que quero falar e todo isto.

Até o momento centreime en facer representacións cunha mensaxe feminista moi evidente e agora o que me apetecía era transcender un pouco iso. Evidentemente está presente, aínda que só sexa polo potente que é que estea eu soa en escena, mais quería que estivese como de fondo e que a atención se puxese de forma directa en falar doutras cousas. Decidín facer algo moi persoal falando de momentos da miña vida porque creo que calquera persoa se pode sentir identificada. Ás veces pásannos cousas graciosas e quería pór iso na escena e co meu estilo.

De aí tamén o título: é un espectáculo que fala de min, mais levado á esaxeración, e tamén é un xogo de palabras que me gusta moito. Á dirección tamén lle pareceu unha boa idea porque parte de algo moi persoal, mais tamén ten o seu gancho. Ademais, cando vou ao teatro e vexo os espectáculos os que máis interesantes me parecen son os que falan directamente das persoas que están en escena, polo que me sentín identificada e me parecía un bo punto de partida para comezar algo. 

—Utiliza os recursos dispoñíbeis para falar de situacións absurdas e tamén, dalgunha maneira, da xente "rara".
Iso foi algo que xurdiu nos comezos porque a idea inicial era facer unha personaxe con moitos tics ou algo similar. Tamén quixen basearme un pouco nesas personaxes de Wes Anderson que son estrañas ou que lles pasan cousas estrañas, que actúan dunha maneira que non é habitual na sociedade. Con todo, ao final, o espectáculo acabou por centrarse na miña biografía e todo o proceso creativo foi levándome por outro lado.

O que fixemos tamén foi utilizar moito a luz, por exemplo, en momentos máis escuros da peza para falar da outra cara que teñen as divas. Tamén utilizo unha lámpada de sodio monocromática que é un recurso que se utiliza moito no cinema: converte todo ao branco e negro para levar o público a outro lugar temporal, para falar do pasado ou dos soños. Impacta moito a nivel visual porque eu vou con moitas cores e, de súpeto, todo o escenario acaba convertido a unha escala de grises.

En certa maneira tamén hai outro personaxe enriba da escena porque levo un coche teledirixido que ten a súa propia personalidade, somos unha especie de dúo. Agora o que quero facer é seguir desenvolvendo a idea. É dicir, en abril xa estreamos no Teatro Principal (Santiago) e en Arteixo; o espectáculo está aí, mais aínda quero seguir investigando porque as obras teñen que rodar e máis cando se trata de pezas humorísticas. Hai que probar co público, que é quen che dá o ritmo.

—Esta experimentación é como unha forma de manter o espectáculo vivo, non?
Exacto. É algo moi importante. No cinema tes a posibilidade de facer moitas tomas, de repetir cando sae mal, mais no teatro só hai unha oportunidade. Pode pasar que un día teñas un bolo que é incríbel, que esteas no ritmo, porque iso para o humor é moi importante, mais tamén pode ocorrer que esteas mal, que ese día en concreto non teñas toda a enerxía. Hai todo un adestramento arredor destes espectáculos e para min é o bo das artes vivas, sempre pasan cousas e sempre hai un espazo para a improvisación.