GONZALO MACEIRA, FURIOUS MONKEY HOUSE

“Un neno motivado é unha máquina imparable”

Furious Monkey House son: Gonzalo Maceira, Manu, Irene, Carlota (no colo), Mariña e Amaya.

Gonzalo Maceira é o mono de Furious Monkey House, ademais do cerebro e o catalizador de toda a ilusión que move esta banda pontevedresa de rock formada por catro nenas, un neno e un simio. E, atención, que tamén están a arrasar entre os adultos. 

- Cando vos vin triunfar no Mercat de Música Viva de Vic, rompendo preconceptos sobre a música infantil, dixen: “Eu teño que falar con ese mono”. 
- Pois xa está aquí.

- Foi o concerto máis comentado polos programadores que alí estaban. Pola calidade musical, pola contundencia e pola vosa actitude no escenario. Como empezou todo isto?
- Todo empeza coa ilusión e coas ganas de sacar o que un leva dentro, perseguindo o seu soño. Empeza con Carlota [a baterista], a quen eu tentaba motivar, como a todos os meus alumnos, porque ás veces cando un aprende un instrumento non lle atopa a lóxica. Para que toco este instrumento? Para que aprendo partituras? Se non ves un resultado real na túa vida, non ten sentido. Así que xunteina con outra rapaza, Irene, e díxenlle: “Rapazas, imos montar unha banda, un obradoiro de balde durante a fin de semana, e imos quedar, inventar cancións e crar un grupo de rock”. Con esa escusa, de súpeto, xa tiña algo para motivarse: que o seu grupo de rock soase ben. Entón aprenderon música dentro dun proxecto. Pouco a pouco fomos engadindo máis elementos, outros rapaces que tiña eu noutras actividades e completamos este obradoiro. Comezamos pouco a pouco, con moito traballo, moitas horas, moita organización. Plantexámonos facer unha maqueta e logo puxemos novos obxectivos. E esa é a fórmula da que se vai alimentando Furious Monkey House, buscando cousas novas, combinación entre distintas artes… E así os rapaces están supermegamotivados. No momento en que lle dixen: “Mirade, rapaces, imos facer esta gravación nos estudos de Abbey Road”. Os adultos collérono con medo, pero o motivados que chegaron os nenos a estar por gravarmos alí… Un neno motivado é unha máquina imparable. Estaban co cerebro ao 100%, disfrutando a saquísimo, vivindo a música como eu nunca vira nun adulto. Todo era preocuparse polos compañeiros. Hai unha serie de valores aí que son unha pasada. E intentamos que se coiden moito eses valores.

Estaban co cerebro ao 100%, disfrutando a saquísimo, vivindo a música como eu nunca vira nun adulto.

- Ademais estades indo a un feixe de festivais… E como se xestiona unha banda de nenos?
- Dunha forma moi natural, moi coidada e sen darlle moita importancia. Hai que respectar moitísimo toda a xente que está a traballar, estar preparados para o fracaso en todo momento, inculcarlles a idea de que isto ten unha data de caducidade, que non se van dedicar á música porque desgrazadamente ademais estamos nun país no que a música non ten unha industria. Só tres ou catro -e ao mellor dun xeito co que non estou moi de acordo- chegan a poder facer algo e poder dedicarse a isto. Se non entras nese xogo está moi complicado, é importante que o saiban. E non son só nenos, son pais, son cantidade de cousas. Os nenos teñen unha educación brutal, porque ademais xogas coa imaxe dun rapaz, e hai que coidar moito para ver que se fai con esa imaxe. Por exemplo, nós nunca facemos play-back e todo ese tipo de historias.

Hai que estar preparados para o fracaso en todo momento, inculcarlles a idea de que isto ten unha data de caducidade, que non se van dedicar á música porque desgrazadamente ademais estamos nun país no que a música non ten unha industria.

- Gravastes ‘Run’ en Abbey Road, tamén a banda sonora de Zipi y Zapi e fichastes pola discográfica máis grande galega, Esmerarte. Toda unha carreira meteórica. Como o levades?
- Fichamos por Esmerarte, que é a produtora máis grande de Galiza, pero tiñamos ofertas de multinacionais. Eu toco coas miñas bandas e, sinceramente, co panorama que temos en Galiza, que estamos apartados do mundo… Eu teño que coller o coche tres horas para tocar nun sitio remoto dun lugar recóndito para tocar para o camareiro. Palmar diñeiro, e fágoo de mil amores, porque me mola facer música e estar cos meus compinches, pero ao final é un traballo bastante duro. Eu o que lle digo aos pais é que se os rapaces queren tocar ten que ser de forma legal porque en Galiza ti vas tocar e nunca estás contratado… E os nenos non poden entrar nese circuíto, que habería que eliminar realmente. Entón necesitabamos o soporte de alguén que poida axudarnos a facer as cousas ben, e iso supón uns gastos terribles. Parece que somos ‘pijos’ e todo o contrario: somos do máis ‘punki’ que pode haber. Facemos o que nos dá a gana e ninguén nos di como facelo, e vai seguir sendo así. Facemos a música para nós. Aínda que obviamente é unha pasada que a xente nos diga que lle gustamos.

Parece que somos ‘pijos’ e todo o contrario: somos do máis ‘punki’ que pode haber. Facemos o que nos dá a gana e ninguén nos di como facelo, e vai seguir sendo así.

- Ti es quen compón os temas, fas nos arranxos e no escenario quen lle dás a actitude máis punk. 
- Ben, é un traballo do obradoiro en xeral. Está claro que o preparo a conciencia para cando chegan as clases que vaia todo rodado. Teño as ideas novas para o novo disco que estamos a facer, e eu xa levo estruturas diferentes para cada un dos instrumentos, pero sempre aberto a propostas novas, incidindo no seu pensamento creativo para que descubran como se fai unha canción e unha produción musical.

- Tamén tes unha carreira musical á marxe, en bandas como Salvation Army e Tractor Troy. 
- Con Salvation Army paramos porque a cantante é tamén cantante de Río Bravo, unha banda alemana, e agora marchou para alá. Pero xa estou a pensar en montar outra. Eu necesito tocar, é a miña vida e que ninguén mo quite, por favor, porque non sei que facer. Non podo estar quieto, se estou, rebento.

Eu necesito tocar, é a miña vida e que ninguén mo quite, por favor, porque non sei que facer.

- Ademais estás montar unha escola de artes en Pontevedra. 
- O que estou facendo é xuntarme con xente que estamos fartos, non estamos a gusto, damos clases pero fáltannos medios, así que imos construír o noso castelo á nosa maneira para que ninguén nos diga nada. Imos facer todo o ruído que queiramos, imos insonorizalo todo, e imos dar renda solta e construír aquí un novo movemento cultural dunha nova xeración de xente nova: músicos, artistas, fotógrafos, produtores con ideas para que na cidade de Pontevedra e en Galiza aparezan novas formas de crear e de pensar. E que haxa unha explosión creativa que nos fai moita falta.