Noemí Vásquez: "Estamos afeitas a vivir na resistencia, sen depender de axudas externas"

Noemí Vásquez Nogueiras
Nós Diario conversa con Noemí Vásquez Nogueiras, homenaxeada en 2020 co premio Meendinho, outorgado pola fundación homónima. Comprometida coa actividade social desde moi nova, fundou A Arca da Noe, unha sala de concertos que colocou Vilar de Santos como parada ineludíbel no mapa cultural da Galiza.

Vostede estudou Filoloxía Galega e Portuguesa. Que a levou a abrir dous locais de música ao vivo na comarca da Limia, como foi primeiro A Corte dos Bois (Sandiás) e logo A Arca da Noe (Vilar de Santos), que rexenta actualmente?

Eu estiven desde a adolescencia en asociacións culturais, facendo teatro e vencellada coas distintas actividades. Motivoume a necesidade de ter un espazo cultural na miña aldea, ou máis ben na miña comarca. Quería promover o que se fai no rural desde o rural. Penso que é importante ter proxectos deste tipo, en cada comarca debería haber un. De feito, estanse a crear por todo o país. Agora vénme á cabeza A Sacabeira en Xove, o Bar Pancho en Tui ou a Taberna do Xico en Mandín (Verín), que se vai converter nun local de concertos chamado Couto Mixto. 

Que balance fai destes seis anos da Arca da Noe?

A verdade é que se trata dun soño feito realidade. Aínda que hai momentos difíciles –non é doado manter un local así, con todos os gastos que supón–, ten partes moi fermosas. Hai que considerar toda a axuda da xente que estivo arredor do proxecto. Xuntas formamos un grupo que é o auténtico sustento para lograr ter unha programación de dous ou tres concertos por fin de semana, á parte de exposicións mensuais e cursos de pandeireta e música profesional, así como outro tipo de actividades como presentacións de libros. Todo isto nun concello de menos de 1.000 veciñas é un reto. E ao tempo promover o produto local e darlle vida á comarca. 

Para alén desta dinamización da comarca, cales son os eixos que vertebran o proxecto?

O convivio xeracional para nós é imprescindíbel, que nos relacionemos entre todas as idades: xente miúda, adolescentes, persoas de 65 para adiante... E despois, por outra banda, promover a lingua galega dentro do eido lusófono, con especial atención, claro está, á música. 

Nese senso, a súa programación outorga moita importancia a artistas da lusofonía. Como están as relacións da música da Galiza con esta comunidade?

É un dos puntos fundamentais para nós, traer músicos da lusofonía, da que entendemos que a Galiza forma parte. Hai proxectos que teñen avanzado moito niso, como o Cantos na Maré (Pontevedra), ou persoas como Uxía [Senlle] e Vitor Vello. Outras iniciativas, como o Festival da Poesía do Condado, sempre contan con músicas lusófonas. Os locais sociais tamén tentan tecer redes. Hai un traballo feito que hai que ter en conta, pero sempre hai máis para facer e acrecentar os vínculos. 

Entendo ademais polo que dicía antes que a relación co público é chave nun proxecto de proximidade coma este.

Si, A Arca da Noe non se entende sen o grupo humano que ten arredor. Iso non quere dicir que non veña xente de fóra [ri]. Mais é como unha sorte de gran familia que axuda moito. 

Ante a actual situación sanitaria e o retorno á actividade, como enfronta o futuro un local de concertos como o seu?

Estamos dándolle unha volta para ver como retornamos. Supoño que a chave será organizar concertos para menos persoas, cousas máis pequenas e con reserva. Estamos pensando en facer ceas-concerto ou algo así, cunha capacidade limitada a 50%, como se estipula. Estes tres meses fechadas fixeron acumular gastos e agora ficamos un pouco á expectativa, unha incerteza esténdese entre todas as salas de concertos do país agora mesmo. O outro día comentaba, non lembro con quen, que pode ser que para nós sexa algo máis fácil ao ter a posibilidade de compatibilizar a explanada de fóra co local interno para realizar concertos...

Haberá que ir vendo, porque o medo da xente tamén pode afectar moito. Vivimos nunha aldea, se entra o virus pode ser un desastre, polo que temos que ser responsábeis. Intentaremos retomar a actividade pouco a pouco, probando que fórmulas se van adaptando mellor ás novas circunstancias, xogando con todas as posibilidades que teñamos, mais sen correr riscos. 

Está ao tanto do Plan de Reactivación da Cultura da Xunta?

As salas de concertos son un dos "ocos" que en principio non reciben medidas específicas. Eu estou nunha asociación de salas de música ao vivo, Clubcultura, que están intentando negociar. A ver que pasa. Non sei o que van contribuír ou o que non. Porén, eu xa nunca conto con esa axuda porque estou afeita a vivir na resistencia, na autosubsistencia, entón tampouco é unha cousa da que dependa. Se vén algunha axuda externa, pois benvida sexa. Pero non dependemos das Administracións. 

A esencia da Arca pasa por crear comunidade 

Vencellada durante anos á Esmorga, centro social da cidade de Ourense, Vásquez decidiu ir para a aldea e apostar no rural. En 2011 abriu cun socio a taberna cultural A Corte dos Bois, en Santa Ana (Sandiás), local que chegou a ser referente. En agosto de 2014 inaugura en Vilar de Santos o seu actual proxecto, A Arca da Noe.

Esta sala de concertos transcende o seu labor como dinamizador económico dunha pequena localidade, que se tornou exemplo para toda a Galiza de espazo cultural, cunha aposta especial pola música da lusofonía. O estabelecemento ofrece comida caseira con produtos locais, coa hamburguesa de boi como especialidade. O local, que se atopa nunha edificación rehabilitada, caracterízase no entanto por unha potente programación de música en directo que non ten nada que envexar á oferta de Vigo, A Coruña ou Santiago