Beatles en chave funk

“Non pensei que foramos chegar tan lonxe e tan cedo”

Os Funkles (Beatles on funk) entran pisando forte na escena musical galega. Con menos dun ano de vida acadaron xa un dos grandes soños de calquera fan dos Beatles: tocar na mítica The Cavern.

Os Funkles (Beatles on funk) entran pisando forte na escena musical galega. Con menos dun ano de vida acadaron xa un dos grandes soños de calquera fan dos Beatles: tocar na mítica The Cavern. A banda compostelá viaxará a Liverpool esta fin de semana para participar na Beatleweek, o festival herdeiro da beatlemanía, dando en total catro concertos. Iria Iglesias (teclado), Laura Solla (Guitarra), Carlos Arévalo (batería), Carolina Rubirosa (voz) e Ana Lucía Fernández (baixo) compoñen a formación. Antes de que marchen, conversamos con Iria Iglesias, a integrante máis nova do grupo.

Curiosa mestura a que dá orixe ao voso nome: temas dos beatles, pero en clave de funk. Como xurdiu?

A verdade é que todo foi idea de Carlos Arévalo, o batería do grupo. Xa que a todos nos gustaban os Beatles de antemán, decidiu darlles un toque novidoso. E como tamén o funk era un estilo que nos gustaba, decidimos mesturalo e saiu iso: funkles.

E por que decidistes engadir un membro (teclado) á formación?

Iso non mo deberías preguntar a min, porque eu son aquí o quinto en discordia, a do teclado. Pero de vez en cando os propios Beatles levaban teclado a algunhas actuacións. Eu penso que sobre todo, para darlle o toque funky, un teclado vénlle bastante ben aos temas.

Como está sendo a acollida?

Bastante boa. A todo o mundo lle sorprende a idea, pero para ben. Poderiamos esperar, dun colectivo de fans como pode ser o dos Beatles, que reaccionasen doutra forma, pero a verdade é que á xente lle está gustando o que facemos.

A pesar do pouco que levades xuntos, tedes xa un disco gravado, esperando para saír á venda.

Si. Foi unha experiencia bastante rápida, porque gravamos o disco en apenas dous días. De feito fomos un sábado de madrugada a Madrid, gravamos domingo e luns, e volvemos o luns de madrugada tamén. Pero como xa tiñamos os temas montados de antes e moi ensaiados, foi simplemente poñelos no disco. Agardamos que estea para setembro ou así para comezar a dar os concertos de presentación do disco.

Versionades ademais dous temas en galego. Son difíciles de adaptar as letras dos Beatles?

Si, tocamos dous temas en galego e estamos vendo se adaptamos un terceiro ou non. Os temas que facemos son “Daytripper” (Viaxeiro de día), “I feel fine” (Síntome ben) e estamos vendo se conseguimos “Lady Madonna” tamén. En principio, “I feel fine” e “Daytripper” foron bastante sinxelas de adaptar. É Carolina, a cantante, quen se ocupa disto, aínda que contou coa axuda de dous escritores e músicos: Pepe Sendón para “I feel fine” e Xelís de Toro, que está axudando agora con “Lady Madonna”. Esta última está sendo un pouco máis complicada.

No grupo converxedes xente de idades moi diferentes, dende ti mesma ata Carlos Arévalo, o máis veterano. Como se leva isto?

Aínda que temos todos idades bastante distintas e vimos tamén de distintos ámbitos (músicos profesionais, estudantes doutras cousas...) todas as enerxías que lle imos metendo ao grupo conflúen bastante ben. A idade non é un problema para seguir tocando. Ao contrario, eu penso que nos enriquece.

A oportunidade de tocar en The Cavern (Liverpool) semella un soño feito realidade, non? Como o lograstes?

Eu fiquei persoalmente moi sorprendida, porque non pensei que foramos chegar tan lonxe e tan cedo, porque levamos xuntos dende outubro. É unha pasada se o pensas así. Resulta que Carolina, a cantante, tiña relación con Julia Baird, que é a irmá de John Lennon. Presentoulle o noso proxecto e a verdade é que lle gustou bastante, sobre todo porque era unha cousa distinta da que se facía normalmente alí en Liverpool, na Beatleweek, e animounos a presentarnos. Fixémolo, colléronnos, e alá imos.

Ademais, vaise filmar un documental sobre a viaxe.

Si, a idea do documental xurdiu de presentarlle o que estabamos facendo idea a Xaime Fandiño. Interesoulle o proxecto e púxose mans á obra. Imos levar a tres persoas connosco a Liverpool e van intentar facer non só unha reportaxe, senón tamén un documental, con entrevistas con persoas destacadas, a propia irmá de Lennon por exemplo. Queren elaborar un documento que quede para a posteridade, como un recordo da viaxe e de todo o que pasou alí. Das nosas sensacións, das nosas expectativas...

Conseguindo tanto nuns poucos meses, que tedes pensado para despois?

Pois comezaremos coas presentacións do disco e seguiremos buscando concertos onde se poida, para achegar a música que facemos nós á máxima xente posible.