PALABRAS CON MEMORIAS

Non vale para acender o lume, pero arrimada a el, acaba bailando

Estatua do gatipedro na Praza do Humor da Coruña

Calabozo.- (Á marxe doutros significados) Corno no que se levaba a pedra de afiar a gadaña, con auga.
Lugar de escoita.- Vilouzán (municipio de Láncara, lindando con Triacastela)
Fonte.- Suzana do Páramo.

Escaldrexar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Salpicar con auga ou remover forte a auga. Exemplo de uso: Que estás escaldrexando?, que escaldrexas?
Lugar de escoita.- Zona de Navia de Suarna.
Fonte.- Carmen Tjdo/Endl Navia de Suarna.

Escalduxar.- Batuxar, lavar superficialmente, con pouca auga. Exemplo: “Con escalduxares o vaso abonda, que non che teño noxo”.
Lugar de escoita.- Nois (A Mariña luguesa).
Fonte.- Marco Candia.

Gatipedro.-Ser mitolóxico de Galicia que ten aspecto de gato branco cun corno negro no medio da fronte e que camiña apoiándose, ademais de coas súas catro patas,  coa lingua. O gatipedro entra nas casas onde haxa nenos durmindo e solta gotas de auga polo seu corno. Os nenos que escoitan este gotexo soñan que mexan pero realmente mexan por eles na cama. Para espantar o gatipedro hai que botar sal a carón da porta e da ventá, xa que non lle gusta o seu sabor.
Lugar de coñecemento: Álvaro Cunqueiro (Novidades do mundo e fauna máxica de Escola de menciñeiros).
Fonte: Claudia Herron Mulet.

Paparellos.- Papas feitas cos restos do caldo, cando xa ía vello. Engadíaselle máis auga e fariña. Tomábase para cear.
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira.

Lorga.- (Ademais de significados xa rexistrados) 1.Buraco na terra que non se enche de auga. 2. (Fig.) Persoa que bebe de máis. Exemplo: “É unha lorga, non se dá enchido”.
Lugar de escoita.- Vilaescura (Sober).
Fonte.- Begoña Caldas Rodríguez.

Verderelo.-(Ademais doutros significados coñecidos) Bañista foráneo.
Lugar de escoita.- Cuntis, vila termal.
Fonte.- Marcos Seixo.
Outros apuntamentos.- A frase célebre cando un natural de Cuntis bate cun posíbel verderolo é : “Ti es de aquí ou vés aos baños.

 

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.