Novas sinerxías de Camiño Escena Norte
O corredor cultural interterritorial das artes escénicas Camiño Escena Norte encara a súa segunda edición, co que pretende consolidar unha iniciativa pioneira de intercambio cultural e escénico entre a Galiza, Asturias, Cantabria e Euskal Herria. Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxías sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
A programación no noso territorio terá lugar do 13 de setembro ao 11 de outubro con oito funcións e seis espectáculos chegados do resto de lugares participantes, que á súa vez recibirán dúas obras galegas: Pink Unicorns, de La Macana, que poderá verse en Gijón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; Desde o invisíbel, de La Quintana Teatro, que pasará por Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.
Un dos eixes fundamentais desta edición será o encontro de convivencia profesional "Habitación Peregrina PRO", que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo de 15 a 17 de setembro, un evento dirixido a compañías de artes escénicas e axentes profesionais do sector.
Escena Norte achega tamén actividades paralelas baixo o título "O Camiño Expandido", que inclúe unha exposición titulada Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019?, que poderá visitarse entre o 14 e o 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal. Igualmente, desenvolveranse encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público xeral, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculos que se programan.