‘Novos valores Festigal’: un concurso para que estoupe creatividade musical deste país

A iniciativa quer abrir as portas á creatividade dos grupos e artistas emerxentes galegos e en galego. “O Festigal é unha referencia das novas tendencias e camiños da música galega”, afirma Xurxo Souto.

 

“Este concurso vai divulgar novos creadores e novas creadoras da Galiza no ámbito musical, como unha plafaforma de difusión de artistas emerxentes en momentos en que as institucións tratan con absoluto desleixo a creación musical do noso país, recortando orzamentos públicos ao tempo que promoven grandes artistas enriquecidos de fóra”. Así explicou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, o sentido e obxectivos de ‘Novos valores Festigal’. Fíxoo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada do músico e escritor Xurxo Souto, e de Alberte Mera (de Galiza Nova)

Para Xurxo Souto, “non hai cousa máis bonita que ter un grupo musical, por iso queremos animar a toda a xente a montar un porque a felicidade que se sente enriba do escenario é superior a escoitar o mellor concerto do mundo”. “Neste país hai creatividade e hai vida para inventar novas estéticas e novos mundos e o marco de referencia é o Festigal porque non se trata dun programa máis onde se contratan artistas en xira; o Festigal é unha referencia das novas tendencias e camiños da música galega”, explicou o artista. “O Festigal é o centro da creatividade, a palabra máxica fronte á frustación e ás decisións macroeconómicas das que non podemos decidir nin pensar: sempre temos a posibilidade de cambiar o mundo coas nosas guitarras e amplificadores”, concluíu.

“O Festigal é o centro da creatividade, a palabra máxica fronte á frustación e ás decisións macroeconómicas das que non podemos decidir nin pensar: sempre temos a posibilidade de cambiar o mundo coas nosas guitarras”

Alberte Mera, de por parte, afirmou que o Festigal está “en constante crecemento” e mesmo vén de recibir a distinción como mellor festival galego nos “Premios Martín Códax”, por iso quere dar cabida a proxectar artistas noveis que toquen en galego. En contraposición, lembrou que a Xunta deu 300.000 euros a Enrique Iglesias “por gravar un videoclip sexista que se está a reproducir sen as imaxes tomadas aquí”, algo semellante fixo a Deputación de Ourense con Alejandro Sanz, “mentres para os grupos de aquí non hai apoio”.

O secretario xeral de Galiza Nova explicou que “por iso convoca este concurso; para contribuír a difundir grupos emerxentes que fan música galega e en galego”. O premio para o gañador será abrir o 24 de xullo pola noite o Festigal 2015.

Bases e criterios

O certame está aberto á participación de grupos “amadores e profesionais, de todos os estilos, que empreguen a lingua galega nas súas letras”. O prazo de presentación de traballos é do 6 de marzo ao 6 de abril, por medio dunha maqueta e dun vídeo dunha gravación dun ensaio, que será obxecto de votación por parte do público co método de compartilo na páxina do Facebook do Festigal. “Deste xeito tamén colaboramos para lle dar difusión a eses grupos emerxentes a través das redes sociais”, indicou, “os grupos máis compartidos pasarán a un xurado integrado pola Comisión do Festigal e polo músico e acordeonista Xurxo Souto”. As bases poden consultarse na web do Festigal