Os estereotipos denigrantes da emigración galega

Estereotipo de inmigrantes (porteño, italiano e galego) nun debuxo de Giménez na revista arxentina 'Caras y Caretas' en 1900.

O uso de estereotipos coas poboacións inmigrantes non é cousa de hoxe e a inmensa emigración galega na Arxentina  padeceunos intensamente. O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, no seu libro que Galaxia vén de publicar, Os inmigrantes imaxinados. A identidade Galega na Arxentina (1780-1960), dedícalle un extenso traballo de investigación no que fala da dialéctica entre os estereotipos máis denigrativos e a reivindicación dos valores positivos por sectores máis concienciados.

O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas entréganos a ampliación dunha investigación súa comezada anos atrás, e faino para fornecernos un panorama e unha análise de como foron vistos os emigrantes galegos na Arxentina, utilizando para iso un arsenal de documentos, que van da prensa, á literatura, da documentación societaria ás testemuñas directas deitadas en toda caste de libros nun extenso período que aborda a identidade galega na Arxentina nun período de 180 anos (1780-1960). Foron dous séculos nos que millóns de galegos foron buscar o seu futuro a América e en particular ao segundo maior país do sur do continente en extensión.

Asegura Seixas que é lugar común admitido que a condición de galego foi cuberto nas sociedades latinoamericanas cun estereotipo negativo nos anos finais do XIX e primeiros do XX, que é o período de inmigración masiva de galegos, até o punto de que representaban 50% da emigración peninsular, e na súa totalidade, a excepción de vascos ou canarios, eran referidos como gallegos. Con ese punto de partida, o libro debulla en detalle as posíbeis orixes desa cualificación negativa, que o tempo matizou, e tivo persoas e entidades que trataron de darlle a volta.

"A penetración de moitas das imaxes asociadas co estereotipo burlesco e mesmo pexorativo do galego data dunha época anterior á da inmigración masiva. Compre recuar -sostén Seixas- aos tempos coloniais, pois o uso desas imaxes rexístrase a comezos do século XIX, tanto na banda oriental como na occidental do Río da Prata, quizais penetraron na literatura como reprodución dos estereotipos caricaturescos que verbo dos naturais de Galiza circulaban tanto na literatura popular como na novelística e, sobre todo, no teatro castelán desde fins da Idade Media e nomeadamente no Siglo de Oro, con autores como Lope de Vega, Calderón de la Barca ou Tirso de Molina, ben como no coetáneo reino de Portugal. Na novela reflectíase por regra xeral unha imaxe tendencialmente negativa –o galego como sucio, amoral, avarento e mísero– mentres na comedia os tipos son máis diversos, se ben o personaxe galego adoitaba desempeñar o papel de lacaio ou gracioso, ou ben a criada, lixeira de moral".

O certo é que despois da independencia de Arxentina en 1810, a relación coa antiga metrópole española necesariamente estaba chea de contradicións, sobre todo cando se conforma o novo Estado sobre unha base moi misturada de poboacións de diferentes orixes e, pasadas as décadas, co exterminio deliberado das poboacións orixinarias. Ese conflito de construción de identidade, excitábase coas enormes vagas de poboación emigrante que foron chegando de diversos países de Europa, nun censo no que os galegos e italianos quizais sobrancean, e no que se producen caracterizacións moi relacionadas coas relacións de poder, de clase,  orixe económica e formación, e tamén coa existencia ou non dun estado detrás de cada grupo, cousa que obviamente non sucedía no caso galego.

Unha emigración moi diversa

A brocha gorda do desprezo deixou pegada en múltiples documentos escritos. A chegada de milleiros de emigrantes sen formación ningunha, nunha cidade enorme como Bos Aires e un territorio dunha extensión inabarcábel, permitía deitar contra eses emigrantes arrincados da terra propia e sen formación, que mesmo tiñan dificultades co idioma, toda caste de burla. Como explica Seixas, "a súa cultura, ou se se quere os seus trazos étnicos distintivos de orixe, eran caricaturizados de xeito inmisericorde. Como podían chegar españois que baballaban o castelán con sete vogais e sen diferenciar gato de ghato?".

A emigración galega xerou un sen fin de sociedades, mesmo empezando coas de carácter parroquial, e tamén foi quen de erguer unha enorme rede de protección mutua a través dos Centro Galegos. No fondo algúns emprendementos heroicos, como a promoción dunha rede de escolas na Galiza, pagadas con cartos da emigración, procuraban paliar o problema en orixe, procurando que os novos emigrantes tivesen unha preparación máis acaída para superar os chanzos dos peores empregos, onde eran máis deostados.

É curioso contemplar esa visión sobre os galegos radiografada por Núñez Seixas, e pensar simultaneamente no gran respecto que en diferentes niveis tiveron emigrantes actores de traxectorias destacadas, como o retratado por Antón Seoane no libro Avelino Cabezas e os seus irmáns (2023), unha saga de galegos respectada que edificou en Bos Aires unha enorme empresa comercial, pioneira do marketing e da publicidade nas primeiras décadas do século XX. Ou o protagonismo de líderes épicos na loita obreira na Arxentina, como o ferrolán Antonio Soto, líder da revolta da Patagonia rebelde que investigou o historiador Osvaldo Bayer.

Unha figura do teatro como o actor galego-arxentino Fernando Iglesias Tacholas (1909-1991), sempre estivo alerta e combateu esa caracterización negativa no teatro bonaerense das personaxes galegas, que por autoodio moitos emigrantes admitían como propia. No ano 1987 contábanos, "coas cousas de Varela Buxán enchíamos o teatro, tres funcións no día, máis dunha temporada. A xente víase alí retratada, pero con dignidade, con moita dignidade. Quizais as obras de Varela sexan hoxe obsoletas, pero daquela non o eran porque unían os paisanos, facíanlle lembrar a Terra. En ambientes onde o galego era considerado ‘o torpe’ ían a certos teatros da rúa Corrientes onde o galego era o tacaño, o suxo, o burdo, o analfabeto, o porco… todas as vilezas. En troques o teatro de Varela Buxán exaltaba Galiza, as súas xentes. E prézome de ter sido protagonista do seu teatro".

A este grupo que nacía a unha conciencia digna de galeguidade refírese Seixas nas conclusións, "moitos emigrantes descubrían que a súa identidade etnocultural podía ser un estigma aos ollos do resto dos inmigrantes hispanos. A alternativa era negar de vez a galeguidade de orixe ou reafirmarse nela e secundar os motivos de orgullo para ser galego que, de maneira oportuna, lle dispensaban dentro do seu repertorio de oferta cultural as elites da colectividade. (…) Ser galego era un orgullo por si propio, e só sendo galegos poderían os inmigrantes ser mellor aceptados pola sociedade receptora (…) Como identificarse cunha patria, España, moitos de cuxos fillos emigrados renegaban dos  galegos? Non tiña tamén o centralismo a culpa da emigración, como consideraban varios intelectuais? Non xurdira o estereotipo negativos sobre os galegos na propia Castela séculos atrás?".

Contra o racismo dos chistes de galegos

En 1994, o doutor Antonio Pérez-Prado (1926-2009) conseguiu mobilizar cunha denuncia  por racismo contra o libro máis vendido na Arxentina no momento, da autoría de Pepe Moleiro e edición de Planeta Argentina. Era unha compilación de chistes desprezativos e racistas  do que unha simple cata nas súas páxinas descubría a saña de décadas que fora sementada na sociedade arxentina baixo o estereotipo de galego: "Para enteirarse do que di o crego o galego vai a misa dúas veces"; "Unha flotilla de Ovnis aterra na Galiza, marcharon case ao momento ao non atopar vida intelixente"; "Pregúntanlle a Deus se haberá un Papa negro e di que si, tamén haberá un Papa arxentino. E un galego? Deus di que si, por suposto, aínda que non mentres El viva"; "Unha muller sabe que o seu violador era galego pois tivo que axudalo"… e  a listaxe graciosa seguía a peor.

Aseguraba Pérez-Prado na súa denuncia que moitos dos chistes de galegos neste libro "son vellísimas burlas e escarnios que a xenofobia e o racismo usaron contra grupos humanos diferenciados. Pullas, infundios e inxurias que se dispararon contra os xudeus -non só na Alemaña nazi-, contra os polacos entre as clases baixas dos Estados Unidos, contra os bretóns no vodevil parisiense. Este libro compila moita vella e inevitábel bobada, pero hai nel unha clara intención discriminatoria, no peor senso da palabra".

"Galiza e os galegas están considerados como unha entidade nacional, polo Estado español, pola Comunidade Europea e por quen recordan o significado que os clásicos deron á 'Nación'. (...) Os galegos do libro da Editorial Planeta-Argentina son ignorantes; é dicir, brutos. Claro que un ignorante, un bruto, pódese pulir, ilustrar e chegar a usar o que poida do patrimonio cultural humano. Mais, lamentabelmente, os galegos de Pepe Muleiro son algo peor e irredimíbel. Son tontos, mentalmente infradotados e iso non se arranxa, sobre todo se este dado apaixonante serve para todo un pobo diferenciado, unha nación. Neste caso a súa esencialidade é atávica, é función das leis da herencia e flúe coa terquedade dos grupos sanguíneos. Configura unha raza (…). E de aí o racismo. Este libro que denunciamos é racista. Non só viola principios de pura convivencia humana, senón textos legais concretos aos que debemos acatamento: a Declaración dos Dereitos do Home e a nosa Constitución Nacional".