MÁIS

O cantar do verán

'Marimondra' de Mondra é a canción deste verán (Foto: Mondraa)
É a tempada de festivais, concertos e verbenas ao longo de toda a xeografía da Galiza. Estes eventos teñen un mesmo elemento como fío condutor: a música. Temas bailábeis, lentos ou inclusive revolucionarios conforman a lista de cancións deste verán, creada por críticas e críticos musicais, situando 'Marimondra', de Mondra, no podio. 

O verán chegou xa ao seu ecuador, mais a música galega non detén o seu camiño por vacacións e segue a pisar con forza no ambiente festivaleiro e de verbena. En termos de "canción do verán" é imposíbel chegar a un consenso. Algúns baséanse no poder bailábel do temas, mentres que outros teñen en conta os ritmos ou as letras das cancións. Con todo, hai un feito no que hai total unanimidade. Para que unha canción sexa considerada como tema do verán ten que habitar na nosa cabeza ao longo dos días e facernos cantaruxar e buligar cada vez que a escoitamos, sexa cal for a situación.

Para a creación da lista de reprodución dos temas deste verán na Galiza, Nós Diario contou coa colaboración en exclusiva de cinco expertas e expertos pertencentes ao mundo musical en diferentes eidos. A percusionista Olga Brañas, o xornalista musical, teclista e compositor do grupo vigués de rock Komodo Mauro Borrazás; o cantante, guitarrista e creador de Loita Amada Pablo Carracedo, máis coñecido como Jasper, a cantante, compositora e especialista en musicoterapia Belém Tajes e Rodri Míguez, xornalista musical, creador de contido e membro do equipo de comunicación de diversos artistas e festivais. Son as cinco persoas responsábeis de escoller as mellores cancións deste verán, presentando unha selección de temas e artistas que representan Galiza e levando a nosa cultura e a nosa lingua máis aló das nosas fronteiras. 

A cantante hydn atópase en décima posición coa súa canción "unhavezmáis", o seu último éxito. Trátase dunha aposta pegadiza e sensual sobre unha base tecnolóxica con autotune. A cantante foi galardoada co Premio Martín Códax á Mellor Artista Urbana. O rap de Rebeliom do Inframundo combinado coas harmoniosas voces de Fillas de Cassandra interrompen nun noveno posto con "Contra vento e marea", o seu primeiro tema en conxunto. Forza, superación e revolución cóllense da man para ir xuntas contra as rochas do mar. O octavo posto ocúpao o dúo Boyanka Kostova cunha combinación da música tradicional galega e techno baixo as verbas de "Foliada no Inferno". Pandeiretas, gaitas e sintetizadores xúntanse na festa infernal de Cibrán García e O Chico do Funk (Ortiga). 

A Pedreira achega a beira lenta e autoral a esta listaxe con "Se me apuras". Un chío de unión cultural e reivindicación da Galiza con pegadas de música portuguesa e cubana. Un canto no que "todo país é aldeia, todo estado família, toda casa nação". Baiuca achega en sexto lugar o seu éxito "Ribeirana", en colaboración co dúo Lilaina. Repite a estela electrónica e tradicional deixada por Boyanka Kostova.

"O Noso Tempo", é a canción coa que Hugo Guezeta retornou ao panorama musical tras a separación do grupo SonDaRúa. A reivindicación e crítica social propia do rapeiro combínase nunha base pegadiza que marca o camiño dunha nova era. Fillas de Cassandra volven estar presentes nesta listaxe, esta vez xunto con Tanxugueiras e "Quen é a que canta?" en cuarto lugar. Unha oda sororal e aperta á nosa versión cativa que precisa dalguén que a guíe na escuridade. 

Un podio moi disputado encétao Ortiga, agora en solitario, con "A Nosa Verbena", un temazo para reivindicar as nosas festas populares. Unha vez o escoites teralo sempre nos miolos. The Rapants queda nun merecido segundo posto con "Meu Cariño", a canción romántica por excelencia do verán. O bo rollo e a diversión que caracterizan o grupo de Muros tamén son a esencia deste tema. Borrazás defíneo como "a banda sonora para esta época do ano". Finalmente, o título de "canción da verán" é para "Marimondra", do artista emerxente Mondra. No seu último éxito reivindica o orgullo por "ser galego e maricón". O artista presentou está canción co gallo do pasado Día do Orgullo, 28 de xuño, e xa está pondo a bailar o público de todos os festivais. Belém Tajes afirma que ten todos os ingredientes para ser a canción do verán: letra pegadiza, bo ritmo e gancho.

Sen esquecer estes éxitos

Os nosos expertos e expertas achegaron multitude de propostas para incluír nesta listaxe musical que non deben quedar no esquecemento. Olga Brañas aporta pola súa parte "Chulita ben" de Leria e "Morena", da banda De Ninghures. Mauro Borrazás introduce no seu top persoal colaboracións como "Ruada" (Mundo Prestigio e Carlangas) ou "O soño", unha canción suave mais xoguetona de Carabela e Brais Sánchez. 

Jasper achega artistas do país  que transmiten unha boa vibra propia do verán como A Quinkillada, O Rabelo ou bandas que seguen mantendo unha longa traxectoria musical como Zënzar, entre outros. Rodri Míguez menciona "Meigallo", un tema de Kike Varela e Ferriñas Bravas con toques de música techno e tradicional, e "A Carrasquiña" de Nadie González; un tema de reggaetón e flow para a mocidade. 

Pola súa parte, Belém Tajes escolle músicos non tan presentes normalmente nos radares do público, como Tomás Porteiro, Lucía Aldao ou Maricarme, dándolle voz á pluralidade da música da nosa terra e animándonos a escoitar artistas menos populares pero que. posúen a mesma forza co resto.

O top 10 de Nós Diario

  1. Marimondra - Mondra
  2. Meu Cariño - The Rapants
  3. A Nosa Verbena - Ortiga
  4. Quen é a que Canta - Tanxugueiras e Fillas de Cassandra
  5. O Noso tempo - Hugo Guezeta
  6. Ribeirana - Baiuca e Lilaina
  7. Se me apuras - A Pedreira
  8. Foliada no Inferno - Boyanka Kostova
  9. Contra vento e marea - Rebeliom do Inframundo e Fillas de Cassandra
  10. Unhavezmais - hydn

Esta listaxe configurouse a partir da escolla a xerarquización de cinco críticos e críticas musicais da Galiza.