MÁIS

O Lagar nas Eiras no Rosal

Os principais atractivos do Lagar son a súa gastronomía e o propio sitio, unha casa de labranza recuperada. (Foto: Nós Diario)
Unha taberna para deleitarse no Baixo Miño

No ano 1988, Miguel Martínez e Encarna Cabadas tiveron a idea de crear un negocio en Eiras, no Rosal (Baixo Miño). Ese é hoxe O Lagar nas Eiras, simplemente unha taberna "sinxela e con boa materia prima", sinala Martínez en conversa con Nós Diario. Con todo, este local goza de varias particularidades que non desmerecen a humilde descrición do seu propietario. Unha delas é que o estabelecemento está situado no que foi o fogar, xa abandonado, dos seus avós maternos, que era unha casa de labranza como tantas que existían na Galiza polo século XX e que, buscando ofrecer unha "proposta hostaleira diferente", tornou no lugar idóneo. 


Ademais, a contorna indica que este lugar xa tiña certa  sona, pois o matrimonio que o habitaba era ben "coñecido na zona", sendo unha parella de muller galega e marido portugués. Unha irmandade entre terras que se reflicte na decoración e na clientela do Lagar. A taberna está decorada con pinturas do artista portugués Rixa e ademais acostuma a recibir comensais de Portugal (Porto, Lisboa...), deses que cruzan a fronteira para degustar un bo prato e veranean nas costas galegas.

O Lagar ofrece sabor, terra e tradición desde unha fermosa presentación

Outro punto interesante do Lagar son, en consecuencia, as súas comidas. Desde carne a peixe ou mesmo opcións veganas, o Lagar ofrece sabor, terra e tradición, desde unha fermosa presentación dos pratos. Desde  cocido de porco celta e vieiras galegas con crema de chicorias a ensaladas rusas de bonito do norte, escabechado na casa, ou bocadillos pódense degustar comidas máis a menos preparadas e contundentes. Tamén está na esencia da taberna o uso de produto de proximidade, cunha ensalada de trigo do Rosal que non só chama co seu recendo a fronteira de Portugal senón tamén a das localidades (Tui, Tomiño, A Guarda..) e comarcas próximas (Vigo).

Todo isto fai que o Lagar sexa centro de turismo, sobre todo, portugués, e tamén da veciñanza de Eiras e de todo O Rosal, que ve no Lagar un sitio de confianza, arte e pracer para as papilas gustativas.