Unha nova edición de Espazos Sonoros pon a dialogar a música e o patrimonio

Xosé Penas e Belén Bermejo.
Unha obra de Salvatore Sciarrino para cen saxos fechará o festival.

Unha nova edición do festival Espazos Sonoros terá lugar do 1 ao 28 de setembro. Así o anunciaron na mañá desta terza feira, 6 de agosto, en rolda de prensa celebrada no Teatro Colón da Coruña, o Deputado Provincial de Patrimonio, Contratación e Equipamento, Xosé Penas, e a directora artística do festival, Belén Bermejo.

O cartel deste ano, como adoita ser habitual, combina proxectos de experimentadas formacións galegas con figuras convidadas do máis alto nivel internacional.

Así, poderase escoitar en concerto unha das formacións máis prestixiosas do mundo da música antiga, o conxunto La Grande Chapelle, dirixido por Albert Recasens; o Ensemble Phaedrus, de frautas travesas, dirixido por Mara Winter; o grupo Das Kolorit, do que forma parte a galega Rosalía Gómez Lasheras; e as formacións galegas La Moresca e o Concert Le Phénix.

Pechará a edición o cuarteto de saxofóns asLan ensembLe, do que forma parte a galega Helena Otero, cun concerto participativo no que se interpretará unha obra de Salvatore Sciarrino para cuarteto de saxofóns e cen saxos en movemento. Para esta, Espazos Sonoros convoca ao tecido musical galego co fin de contar con saxofonistas de calquera nivel, idade, formación e independentemente do estilo de música co que se identifiquen, que queiran participar nesta singular experiencia para a que non son precisos coñecementos previos, senón seguir as instrucións do asLan ensemBle no obradoiro que terá lugar antes do concerto.

A programación tamén propón unha serie de actividades vencelladas aos  espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas e para afondar nos contidos musicais da programación. Así, haberá un espazo de conversa no Teatro Colón, co musicólogo e director de La Grande Chapelle, Albert Recasens e o filólogo Guillermo Fernández Rodríguez Escalona; unha visita as Torres de Mens guiada polo experto Héitor Picallo; unha ruta literaria polas Terras de Iria da man de Manuel Lorenzo Baleirón; unha travesía pola paisaxe natural e histórica da ría de Ferrol; unha excursión o Xeoparque Cabo Ortegal, recentemente declarado pola UNESCO; e unha camiñada pola contorna do castro de Baroña.

O Teatro Colón, a igrexa de Santiago de Mens, o teatro de Beneficencia de Ortigueira, a Casa de Rosalía, o edificio modernista do casino Ferrolán, o interesante edificio de actividades náuticas de Porto do Son, que forma parte do proxecto para a rexeneración do bordo portuario da vila, serán os escenarios que Espazos Sonoros propón nesta nova edición.