'A crebeira Marabillas' é o novo álbum ilustrado de Olaia Sendón

Olaia Sendón: "Á hora de falar de identidade propia é moi importante ter en conta de onde vimos"

Sendón é autora de documentais como 'Os fabulosos irmáns da luz', 'Míjau' ou ' Kauflan'. (Foto: Olaia Sendón)
Coa pretensión de contar historias que a definen como creadora, Olaia Sendón comezou a súa andaina no mundo da literatura infantil coa publicación dos libros Xián é terrible e o recente A crebeira marabillas. A profesora e autora de diversos documentais vén de presentar este último na praia de Sardiñeiro, en Fisterra, cun espectáculo conxunto con Silvia Penide para os nenos e nenas do CEIP Areouta.

Sobre que trata o libro?

A historia da crebeira Marabillas nace dun crebeiro da miña zona chamado Barrera, que faleceu hai uns anos. Antes de que saísen os relatos facía documentais, mais neste caso graveino mal, nunca logrei ter boas imaxes del. Entón, sentín a necesidade de reinventalo.

Nese momento, naceron os meus dous fillos e inventeime esta personaxe, que xorde dunha persoa real. Obviamente está pasada polo filtro da fantasía e funlle dando un camiño ao conto como quixen, pero moitas anécdotas que se contan nel son certas.

Que é unha crebeira?

As crebas son as cousas que chegan do mar. Non se trata dunha afección, senón que durante moitos anos foi un medio de vida ou un complemento para vivir. A xente saía a buscar as crebas, xa que chegaban moitísimas cousas, agora xa non tanto. Era unha práctica que non estaba moi lexitimada, ir ás crebas era cousa de pobres. Aínda agora pasan por Fisterra grandes liñas que comunican por América.

Por mor do mal tempo, moitas veces teñen que soltar carga das embarcacións e acaba chegando á costa. Ten aparecido de todo, impresoras, barcos de xoguete, etc.

Como describiría a Barrera?

Todos os que somos de costa, sobre todo desta costa, temos unha iconografía moi metida do que supón ir á praia buscar crebas. Non é un traballo, as persoas maiores víano como ir apañar lixo e os cativos como un xogo. Esta personaxe, Barrera, era unha persoa moi particular.

El era director dun banco, pero encantáballe saír ás crebas. Poñía as súas botas e saía a coller o que atopase. El non tiña este pensamento de que as crebas eran lixo, ía ao seu rumbo, case como se fose unha estirpe mítica. Dicía: “eu son crebeiro, e sabes quen máis é crebeiro? Neruda, que tiña a casa de Illa Negra chea de merda”. 

Na súa finca tiña dous montóns de botas, nun lado as do pé esquerdo e no outro os do lado dereito -como sae no libro-. Ía coas botas que atopaba na praia. A súa casa linda coa praia, entón pareceume moi simbólico facer alí a presentación e o espectáculo.

En que momento decidiu inserirse no mundo da literatura infantil?

Nunca pensei que acabaría ilustrando e facendo álbums para nenos. Isto veume un pouco dado. Eu o que facía era películas e documentais e cando chegaron os pequenos e non me quedou outra que transformar ese universo da miña vida para que se adapte á miña vida de hoxe. Estaba afeita a unha dinámicas de traballo insostibles con ter dous cativos na casa. A crebeira Marabillas naceu da necesidade de contarlle aos meus nenos as historias que a min me interesaban, pero adaptadas ao que eles podían precisar.

O libro busca, entón, achegar esas tradicións ás crianzas?

Á hora de definirse a un mesmo e falar de identidade propia, para min é moi importante ter en conta de onde vimos, e todo iso inclúe moitas veces todo un universo de historias. Cando falamos de tradicións case parece que falamos de algo antropolóxico, mais en realidade é algo máis complexo, forma parte da nosa identidade. Eu non son quen de desasociar a miña maneira de pensar das cousas que escoitei ou aprendín dese universo no que me criei, está todo vencellado.

Eu entendo que si é importante transmitir estes relatos aos meus fillos, en concreto, porque é das cousas que máis agradezo. De feito, cando me poño a crear sempre tiro ao mesmo, acabo sempre na Costa da Morte e nas historias porque influíron moito na miña maneira de concibir o mundo.  A iconografía que xeramos, sobre todo de nenos, é bestial. O universo que imos construíndo logo queda connosco para sempre.