Onde está a tribo? No parque, falando galego

“Onde está a tribo?” esa é a mensaxe que se envía a través de móbil e a resposta pode ser nun parque, dando un paseo, na biblioteca... Un grupo de pais e nais promoven o encontro das crianzas para compartir lecer en galego. A iniciativa naceu en Compostela e agora bota a andar tamén en Eusakal Herria. 

“Fartas de ver como os nosos nenos e nenas son as únicas do parque que falan en galego, nunha sorte de marxinación que fai que se extinga o idioma, e cansos de que nos espazos públicos a nosa voz non se escoite, non conte, un grupo de pais e nais de Compostela decidiu organizarse para mudar as cousas”, explica Romina Val dunha iniciativa de autoxestión compartida por nais e pais para se encontraren no tempo de lecer e que as súas crianzas continúen a falar galego tamén fóra da casa. 

A idea naceu nas últimas Xornadas sobre Dinamización Lingüística que se desenvolveron en Carballo organizadas pola CTNL, a través do viveiro de propostas normalizadoras. Un grupo de pais e nais de Compostela botárona a andar e comezaron por volta do verán pasado a organizar “quedadas” colectivas para que as súas crianzas galego-falantes non foran “rara avis” no parque. A iniciativa, que levou tamén a estreitar lazos de amizade entre a cativada e pais e nais, desenvolverase tamén en Bilbo, promovida polo sociolingüista Txerra Rodríguez, un dos iniciadores da proposta anda a lingüista e xornalista Romina Val. 

Brincar na nosa lingua 

Convócanse a través dun sistema de mensaxería directa por móbil -agora Galegram- para o que crearon un grupo propio. “Onde está a tribo?”, é a pregunta que envía quen quere combinar para se atopar co grupo de xogo e lecer. Quen xa está no parque ou na biblioteca responde para que o número de crianzas aumente co obxectivo de que se atopen con outras que falan na mesma lingua. 

“Coincidimos na necesidade de que as nosas fillas e fillos fixeran equipa e brincasen en galego”, explica Romina Bal dunha iniciativa que levou a que se xuntaran persoas descoñecidas, primeiro no parque de Belvís, e logo, conforme ían tomando máis confianza, noutras actividades como contacontos -van todos os últimos martes de mes a ver a Celso Sanmartín á Gentalha-, bibliotecas ou paseos. Son máis de trinta usuarios con nenos e nenas ata 13 anos, aínda que maiormente acoden menores de 6. 

Romina Val insiste en que é esta unha iniciativa colectiva e autoxestionada, convencidas como están de que para manter a lingua é preciso que as crianzas se traten con outras que falan tamén galego. Pon como exemplo as teorías da sociolingüísta navarra Paula Casares nos seus estudos das fillas de emigrantes en Euskal Herria. “As fillas dos galegos que viven alá falan castelán igual que a xente de alá, cos mesmos trazos dialectais que a xente de alá. É dicir, ten máis importancia a socialización que a transmisión”, explica, convencida como está de que dar pasos na normalización está na man “de todos e todas nós”.