A Orquestra Jazz de Galicia triunfa nos Premios Opinión

Gañadores e músicos participantes na Gala [foto: La Opinión]

'Fame', o primeiro disco da Orquestra Jazz de Galicia foi o absoluto gañador dos Premios Opinión de Música de Raíz, que tamén recoñeceu na categoría de mellor artista aos seus dous promotores, Pedro Lamas e Roberto Somoza. 

A Orquestra Jazz de Galicia acadou os dous principais premios en xogo: o de mellor disco para 'Fame' e o de mellor artista para os seus directores Pedro Lamas e Roberto Somoza. 

Alén destes, os galardóns coordinados polo xornalista musical Óscar Losada recoñeceron na categoría de mellor canción o tema 'Libre para voar', do disco 'Alegría' do brasilego Sérgio Tannus, interpretado por Sonia Lebedynski. É a primeira vez que gaña unha canción dun disco infantil. E, por último, o berciano Amancio Prada foi recoñecido na categoría Andaina Senlleira por toda a súa carreira. 

Orquestra Jazz de Galicia

Dirixida por Roberto Somoza e Pedro Lamas, a Orquestra de Jazz de Galicia é un proxecto único e novidoso que proxecta a música tradicional galega en confluencia co jazz, o folk, a música clásica e as músicas improvisadas contemporáneas. Entre os músicos que a compoñen están Abe Rábade, Germán Díaz, Pablo Castaño, Ton Risco ou Xosé Lois Romero. 

Este proxecto conta coa participación de preto de medio cento de músicos vencellados aos proxectos máis importantes da escena musical contemporánea galega, e conta coa colaboración de artistas galegos -como Xabier Díaz, Quique Peón ou Guadi Galego- e da Península Ibérica como o é o caso de Carmen París, Aleix Tobías (Coetus) ou Kepa Junkera, entre outros. 

Todas son melodías tradicionais

Todas as músicas son melodías tradicionais de Galiza arranxadas por Pedro Lamas e orquestradas por Roberto Somoza. “Fame” está composto por dez arranxos sobre diferentes melodías tradicionais e recollas de campo que reflicten a profundidade da música propia de Galicia. Entre elas, o toque de chifre que no ano 1952 inmortalizou o neoiorquino Alan Lomax nunha aldea de Ourense, e que anos máis tarde sería reinterpretado por Miles Davis e Gil Evans no mundialmente coñecido traballo “Sketches of Spain” co título “The Pan Piper”.