Os orzamentos afogan o tecido cultural cun 30,6 % menos en actividades

Os sectores máis críticos coa xestión do PP sofren os sacrificios nos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Un 30,6% menos en actividades culturais que chegan a un 65,5% en audiovisual compoñen unhas contas que poden afogar o tecido cultural.

 

“Non se pode gastar o que non hai” concluíu o conselleiro Xesús Vázquez despois de recurrir á eficiencia na xestión como argumento para explicar uns orzamentos que evidencia un modelo de cultura e educación que afonda nas críticas que caracterizaron á política desenvolvida polo Conselleiro xa na anterior lexislatura. Os sectores que máis protestaron pola xestión do PP ao fronte da cultura, atopan un novo castigo nestes orzamentos. As queixas pola paralización dos circuitos culturais e a Rede de Teatros tiveron como resposta unha maior merma xa que a partida destinada a actividades culturais descenderá nun 30,6%. Ás serias dificultades do sector audiovisual veranse agravadas cunha disminución dun 65,5 % dos cartos públicos que se lle viñan destinando. Os tres grupos da oposición aproveitaron para criticaren a situación na que quedan as compañías e pequenas empresas das industrias culturais e mesmo a eliminación da actividade cultural no rural, que chegaba aos pequenos concellos en virtude dos circuitos culturais.

Que pasa con AGADIC?

“As politicas culturais sofriron un recorte de máis do cincuenta por cento co PP” sinalou Cosme Pombo (BNG) quen acusou ao goberno de aplicar a ideoloxía de enterrar a identidade galega. “Agadic descende e está sen xerente nunha situación preocupante”, comentou. “Todos os axentes culturais esmorecerán, mentres continúa a dedicar un 16% dos orzamentos á Cidade da Cultura en lugar de darlle osíxeno ao tecido cultural, elimina os Camiños da Cultura que garantía o acceso á cultura do rural galego” engadiu Ramón Vázquez Día (AGE). Para Vicente Docasar, do PSdeG-PSOE sofre "unhah dramática redución ao pasar de15 a 9 millóns de euros".

Xesús Vázquez explicou o descenso orzamentario pola crise existente mais iso non quitou que a oposición lamentara a “discrecionalidade” do tratamento económico. “Son baixadas selectivas, afoga os sectores creativos pero a Fundación Camilo José Cela ten un tratamento excepcional” dixo Cosme Pombo a respecto do descenso de 6,3 millóns de euros en actividades mentras Ramón Vázquez denunciou o trato de favor da Fundación que ten como xerenta á filla do ex-conselleiro Dositeo Rodríguez.

Tamén a Cidade da Cultura entrou, como cada ano, no debate orzamentario. O Conselleiro defendu unha redución dun 30% na xestión con respecto ao exercizo anterior debido, segundo dixo, ao aforro pola contratación de maiores volumes máis a oposición recriminou que nunha situación de crise, o 16% dos orzamentos vaian parar ao complexo do Gaiás, en boa medida, destinados a ter os centros abertos. "Un de cada seis euros de cultura van para o Gaiás" apuntou Vicente Docasar (PSdeG-PSOE).

Non son orzamentos que “permitan triunfalismos”  dixo no preámbulo o Conselleiro pero, de fronte, ía atopar cunha oposición que coincidiu en varias liñas argumentais. As industrias culturais e ás pequenas empresas creativas agoiran un futuro crítico, nunca a promoción da lingua foi tan mal tratada, e a afirmación de que a consellaría consolida un modelo de ensino selectivo que apoia o privado e empeora de forma singular as condicións laborais dos docentes.

O Conselleiro recoñeceu que o “sacrificio” do persoal docente e funcionario da consellaría é o que está a “sanear” as contas do seu departamento e falou dun "axuste de 1125 prazas por ampliación de horarios, disminución de liberados sindicais..." que, para a oposición, non é senón a consolidación dun modelo que ten as súas repercusións nun descenso da calidade do ensino público mentras se promover o privado. Cosme Pombo criticou que, neste curso, disminúan 369 docentes fronte un ensino privado no que non se "experimetna unha rebaixa na mesma cantidade e porcentaxe que o sector público".

 Con 149 millóns menos dedicados ao ensino, sumados aos recortes anteriores supoñen, para Ramón Váquez a constatación de que o PP defende "un modelo urbano, marcado pola hexemonía dos centros privados". A desaparición de 322 aulas e 46 centros de ensino privado supoñen, ao seu ver, "o arrase do ensino público no rural". "Que libertade teñen de escoller uns pais da Fonsagrada?", espetoulle ao Conselleiro, ao respecto do argumento que tantas veces empregou o PP a respecto das decisións no ensino.


A lingua, peor que con Fraga

Coa metade do orzamento, en 1993, o goberno de Manuel Feraga dedicáballe unha cantidade á promoción da lingua que viña ser o triple do que a consellarái de Xesús Vázquez constata para o presente exercizo. De "lingüicidio" calificou Ramón Vázquez a redución de 2.130.000 euros en promoción da lingua, departamento que, segundo Vicente Docasar (PSdeG-PSOE) quedou relegada ao aparecer no organigrama de Educación e Cultura nunha vontade política que mesmo se aprecia na presentación pública na que, denunciou "aparece oculto o nome do organismo baixo o da consellería". 

Anunciou, sen embargo, a elaboración dun Plan da Cultura Galega no que se recollan as prioridades da xestión e un Plan director do Libro.