"O Ouro do Tempo", novo cinema galego laureado e de calidade

Cartaz da fita

Unha fita galega recentemente estreada, O Ouro do Tempo, pasa esta sexta feira a peneira do noso crítico de cabeceira, Andrés Castro. E faino con nota ben alta.

O OURO DO TEMPO 

Ano: 2013
Duración:  97 min.
Nacionalidade: Galiza
Director: Xavier Bermúdez
Guión: Xavier Bermúdez
Fotografía: Alfonso Sanz Alduán
Música: Coché Villanueva
Reparto: Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés, Marta Larralde, Xosé Manuel Oliveira “Pico”, Pilar Pereira, Sergio Quintana, María Tasende

SINOPSE

Alfredo Méndez (Ernesto Chao), un médico xubilado, garda na súa casa o cadáver crioxenizado da súa muller por se un día se descobren os medios de revivila e curar a súa enfermidade. Tras décadas sen atopar cura e xa sen apenas poder valerse por si mesmo, comeza a contar con Corona (Nerea Barros), unha enfermeira que lle fai as veces de criada. Un bo día recibe a visita do seu fillo (Manuel Cortés) que lle fará debaterse entre o vivir o presente ou seguir aferrándose ao pasado.

CRÍTICA

Cuarta película como director do ourensán Xavier Bermúdez tras Nena (1997), León e Olvido (2004) e Rafael (2008). Comeza cun críptico texto onde se presenta a Alfredo, un médico que garda á súa muller morta nunha cámara frigorífica por se no futuro se atopa a cura para revivila e curar o mal que acabou con ela. A película presenta entón a un Alfredo xa xubilado que vive nunha casa de aldea baixo os coidados de Corona, unha moza discreta coa que comparte teito nun pactado “vive e deixa vivir”. Pasaron os anos e segue sen atopar a ansiada cura. Baseada en feitos reais, Bermúdez mergúllase nun  costumismo agrario mesturado con romanticismo, comedia e drama para falar da soidade, as diferenzas xeracionais e o paso do tempo. Ese tempo que é ouro.

Xenial banda sonora

Está protagonizada por Ernesto Chao (da serie Pratos combinados), que se mete na pel dun cada vez máis decrépito doutor eternamente namorado. Dálle a réplica Nerea Barros (vista en Matalobos e musa dos filmes de Xavier Bermúdez) que fai dunha moza enfermeira que vive no día a día tratando de fuxir dos prexuízos, e quizais de “algo máis”. Tamén habituais no cinema de Bermúdez son Manuel Cortés (da serie Libro de Familia), que fai do fillo, e Marta Larralde, que fai unha colaboración especial facendo da defunta nai e esposa. Hai que destacar a presenza de Xosé Manuel Oliveira “Pico”, a quen vai dedicada esta, a súa última película. No apartado técnico conta de novo co equipo de sempre. Xenial banda sonora de Coché Villanueva que xunto cunha fotografía naturista e luminosa de Alfonso Sanz Alduán potencian ese ton costumista e pausado dunha vida contemplativa dun home que está a vivir os seus derradeiros días.

Simboloxía, fetichismo, sexo e morte van da man en O ouro do tempo evocando na memoria a Luis Buñuel ou Ingmar Bergman

A estrea en pantalla grande dun filme feito aquí e na nosa lingua xa debería ser suficiente para acudir en masa a abarrotalo, pero as bondades de O Ouro do tempo non se quedan nun mero feito cultural e lingüístico. Non. O ouro do tempo é unha película de alta calidade capaz de competir nos circuítos cinematográficos máis exixentes: foi presentada con rotundo éxito no pasado Festival de Málaga e posteriormente nomeada ao Globo de Cristal no Festival Internacional de Karlovy Vary. Ao filme pódeselle achacar certa teatralidade, evidente falta de medios (suplida con imaxinación) e algún que outro fallo de continuidade na montaxe, pero destila aire a cinema imperecedoiro. Cinema do bo non apto para mentes planas. Simboloxía, fetichismo, sexo e morte van da man en O ouro do tempo evocando na memoria a Luis Buñuel ou Ingmar Bergman. E iso son palabras maiores. Esperemos que o novo cinema galego teña ese rexurdir que se merece e poida chegar a ser por fin un referente mundial. Calidade non falta, pero tamén hai que apoialo, crer nel e encher as salas. Con filmes coma O ouro do tempo non supón ningún esforzo.