Director artístico da 'Orquestra de Malabares' de PistaCatro Produtora de Soños

Pablo Reboleiro: "Tratamos de facer un traballo diferente"

Pablo Reboleiro durante un dos seus espectáculos.
Malabarista, actor e artista cofundador de PistaCatro Produtora de Soños, Pablo Reboleiro é ademais o director artístico de 'Orquestra de Malabares', un espectáculo que combina circo e música a partes iguais. O proxecto, que reúne media ducia de malabaristas cunha banda municipal de música, demostra na escena a convivencia e a perfecta harmonía destas dúas artes. Do nacemento do espectáculo, do seu desenvolvemento e da situación actual marcada polo protocolo Covid-19, falamos co director desta particular orquestra.   

—Que é e como nace a 'Orquestra de Malabares'?
Nos encontros de malabares faciamos unha acción que consistía en sentármonos coma se fósemos músicos e faciamos malabares, aínda que non era o proxecto actual, si foi unha acción que nos acompañou desde aí e mesmo chegamos a facela nunha Festa do Circo. Co tempo, o noso produtor incorporou a idea da diversificación e propuxo crear un espectáculo coa banda municipal de Compostela. Pero o proxecto aínda estivo un tempo nun caixón, logo houbo que sortear as vicisitudes polas que pasou hai uns anos a banda, como a falla de director. E cando eu collín o proxecto para dirixilo, o que tiñamos era a idea de facer un espectáculo coa banda e nada máis pero o que si estaba claro era que a banda se debía impicar teatralmente, non queriamos un espectáculo que tivese o mesmo sentido sen a banda, e iso supoñía ensaios e colaboración. 

—Logo de Compostela a orquestra tivo máis vida e de feito retomou agora a súa xira, estiveron en Ponferrada e estarán o día 26 en Soria. Como é o proceso coas bandas de cada lugar?
Con cada banda, en primeiro lugar mandámoslle as partituras e estabelezo contacto telefónico co director para que vexa as accións a realizar. E logo son 3 días de traballo. No primeiro acudo eu só e ensaiamos as accións. Eles adoitan estar preocupados pola música, que é o que a min non me preocupa porque son músicos moi bos, pero si temos que traballar as accións e niso cada grupo é diferente, pola vergoña, polo impulso participativo... E como o primeiro día resulta máis duro fago un traballo que non sexa cronolóxico, senón que sexa divertido. No segundo día xa chegan os malabaristas e dáselle forma xa ao espectáculo, que é cando os músicos empezan a ver que é un evento real. Na escena hai 6 malabaristas e unha personaxe por cada malabarista, súmase unha personaxe máis, que é o director ou a directora da banda, e logo está a banda que funciona dalgunha maneira como se fose un coro grego. Pero a persoa que dirixe a banda ten unha personaxe importante que varía de espectáculo en espectáculo e que depende do carácter do músico, por iso as accións están deseñadas desde as dúas posíbeis ópticas do pallaso clásico, ben o pallaso da cara branca, que é a autoridade e fai humor porque se lle descontrolan as cousas, ben desde o augusto que nin ten control nin pretende telo, só xogar.

Non queriamos un espectáculo que tivese o mesmo sentido sen a banda, e iso supoñía ensaios e colaboración. 

—En que medida mudou isto co protocolo da Covid-19?
A nosa máxima non é a da Consellaría de Educación dun metro entre cada pupitre, entre cada músico non hai un metro, hai un metro e medio, así que a banda está moi despregada. Aqueles que non tocan ventos están coa súa máscara, e para os malabaristas, sempre que non se poida asegurar o distanciamento, a máscara está posta. Afecta bastante en canto a que estamos a representar en teatros enormes, prazas de touros... E logo, a risa é difícil de escoitar e incluso de intuír e como pallaso todo se fai máis complicado porque a nosa afinación é a risa do público. 

—Cal é a filosofía, a idea última que move este proxecto?  
A integración, a diversificación, o traballo en comunidade... Tratábase de facer un traballo diferente, sacar os músicos dese lugar no que están cómodos e ao tempo dignificar o traballo malabar, que ás veces se considera unha arte menor, ao poñelo en paralelo cunha arte coa que ten moito que ver e que está moito máis aceptada como é a música. O músico e o malabarista pasan horas e horas co seu instrumento, sexan un clarinete ou unhas mazas, nos dous casos trátase de ensaiar, ensaiar e ensaiar para logo na escena facer cousas moito máis sinxelas e que queden bonitas.