Pardiñas congrega a mellor artesanía musical da Galiza na súa Mostra

O obradoiro de Treboada permitirá admirar os bombos de mallada.
Na 31ª Mostra participarán de luthiers de toda a Galiza, Cataluña, Euskadi, Madrid e Portugal que amosarán os seus instrumentos durante os dous días que dura o encontro.

 A 31ª edición da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, que se celebrará os días 3 e 4 de agosto, volve poñer o acento no recoñecemento das artesás e artesáns, verdadeiros protagonistas da mesma e responsábeis, grazas ó seu traballo minucioso e preciso, de que a artesanía dos instrumentos tradicionais galegos sexa recoñecida e valorada no mundo enteiro.

Celebrada no marco do Festival de Pardiñas (Guitiriz), a Mostra acollerá un total de 33 artesáns e artesás, a maioría galegos, aínda que tamén participarán luthiers chegados de Euskadi, Catalunya, Madrid e mesmo de Portugal. Desde a directiva da Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG), promotora da Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas desde os seus inicios, falan dun momento excepcional na lutheria tradicional da Galiza.

A apertura oficial da Mostra comezará na tarde do sábado, co pregón ás 17 horas a cargo de Antón Santamarina, lingüista especializado no ámbito da lexicografía, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da USC, membro da Real Academia e, entre outras achegas á nosa cultura, coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego.

Neste 2024, mantense o formato de antano, recuperado a pasada edición co galo do 30 aniversario, na que a Mostra volvía abrir as súas portas na mañá do sábado. Amenizará a sesión vermú a música tradicional de Os Canallas. Haberá tamén tempo para marabillarse descubrindo como case calquera elemento pode converterse nun instrumento nas mans dun bo instrumentista, grazas á demostración da Real banda de cadeiras encartábeis, dirixida por Xavier Lozano e que servirá de marco durante o pregón. Xa a media tardiña, continuará a música co grupo de pandeireteiras Lembranzas do Tambre.

Durante a xornada do domingo será o tempo para o aprendizaxe, primeiro da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez no Obradoiro de Treboada, que fará do recinto da mostra o escenario  no que admirar a maxestuosidade dos Bombos de mallada, recoñecíbeis polas súas grandes dimensións, para rematar o obradoiro facendo un percorrido polo campo da festa, "facendo a alborada".

Xa pola tarde terá lugar outro dos clásicos da mostra, o tradicional e multitudinario Obradoiro de Baile Tradicional, a cargo da bailadora e mestra Ruth Pérez.

O broche musical á fin de semana da Mostra correrá a cargo do grupo SilvaRedonda.