ANTÓN LEZCANO / DESEÑADOR

“Parece que hai interese en eliminar a creatividade galega”

Antón Lezcano

Nicetrip é a marca baixo a cal Antón Lezcano asinou unha enorme cantidade de deseños, algúns tan icónicos como a bandeira galega coa silueta dunha vaca que opuxo á española con touro. Agora, a crise obrígalle a cerrar a súa tenda na Coruña, pero anuncia que seguirá “creando e facendo país”.

O deseñador Antón Lezcano González (Ferrol, 1970) anunciou o inminente peche da súa tenda no coruñés barrio de Monte Alto, onde vendía os produtos da súa marca creativa, Nicetrip, pioneira en mesturar imaxinación, humor e galeguidade en camisetas e outras prendas, se ben a súa actividade foi máis lonxe e chegou até a edición de libros ou campañas institucionais. Agora, comeza unha nova etapa, na que promete que “non abandonará a creatividade”.

­-Pecha a súa única tenda após 13 anos de actividade...

-Como tantos negocios pequenos, fágoo obrigado pola crise xeral. E máis en concreto, na Coruña prexudicado como tantos outros pola política de favorecer ás grandes superficies, que está a resultar nefasta para o pequeno comercio, que só ten apoios para concursos de escaparates. Ademais, a tenda depende dos ingresos que consiga, que á vez dependen tamén dos que teña a xente para poder gastar, e a xente está sen un peso así que non hai movemento económico. Así é. Non obstante, estou contento.

­-Contento???

-Durei 13 anos facendo o que eu quería e poñendo o meu grao de area para facer país, algo que ultimamente non se exercita demasiado cando en realidade deberiamos reivindicarnos máis como galegos. Eu así o fixen e a maiores conseguindo sacarlle un sorriso á xente con deseños e creatividade.

­-Acábase a tenda, pero Nicetrip como tal non desaparece.

-Non. Todo o meu traballo está rexistrado. Home, aínda estou liquidando o que teño na tenda, tanto para afrontar gastos de peche como para dar o próximo paso que en principio será unha tenda por internet.

­ -Unha tenda virtual é o seu horizonte. Ben, pero conte antes un pouco como naceu a tenda física e a marca.

-O inicio foi hai trece anos, cando antes da final de Copa do Dépor contra o Real Madrid no Bernábeu, o que foi o centenariazo, deseñei a bandeira galega coa silueta da vaca, para contrapoñela á española con touro de Osborne que, en efecto, dominou a bancada madridista pero atopouse con múltiples galegas deste tipo, e outras, enfronte. Cando aquilo, eu non esperaba tamaño éxito e que esa idea alcanzase tanta dimensión como símbolo de identidade. Daquela eu xa tiña varios deseños feitos e decidín abrir a tenda, que se converteu na típica de barrio pero cunha clientela marabillosa e moi diversa. Mesmo teño clientela fixa de fóra que vén por aquí cada vez que pasa por Coruña. Hai vascos ou cataláns que sen vivir en Galiza son fixos, ademais de termos distribuído material até América do Sur.

-A icona é a bandeira da vaca, pero supoño que haberá algúns deseños máis polos que sinta especial cariño.

-Si, todos os que están inspirados en Monte Alto. É un barrio moi agradecido, con moito sentimento que creo que captei, o que provocou un gran feedback, até o punto de que a pesar de que tiven encargos, nunca aceptei facer camisetas relativas a outro barrio que non fora este onde teño a tenda, que pecha, e non é casualidade, á vez que un montón de locais que abriron case cando eu.

-Falaba antes de deseño galego e centrado en Galiza, que xoga e reinventa elementos propios.

-Si, aplico iso nas camisetas pero tamén como deseñador para outro tipo de encargos ou formatos ou mesmo acabando en iniciativas tan felices como editar libros. A partir da bandeira da vaca houbo un efecto chamada para cousas de todo tipo, xa que eu sempre andei, e sigo, ligado a cuestións deste edido, por exemplo fun profesor oito anos na escola de publicidade aquí na Coruña, que tamén pechou por falta de alumnos. Porque parece que hai interese en eliminar a creatividade galega. Pero, como teño claro despois de ver a reacción de tanta xente á que lle estou moi agradecida, así como a toda a que pasou por aquí estes anos, é que non o van conseguir. Pecho unha tenda pero seguirei facendo cousas. A creatividade non ma vai cortar ninguén. Nin a min nin a un montón de xente neste país.

 

Esta entrevista publicouse no semanario 132, dispoñíbel na nosa LOXA