Festival Noroeste

Patti Smith actuará o 9 de agosto na Coruña

O 9 de agosto actuará no festival que se realiza na praia de Riazor. É o primeiro cabeza de cartel anunciado para a edición deste ano. “Empezamos forte”, recoñecen desde o propio Festival: Patti Smith, catro décadas de rock sen domesticar.

Patricia Lee Smith actuará en Galiza. Vai ser o 9 de agosto e no Festival Noroeste Estrella Galicia, un evento que neste 2019 reunirá máis de 90 bandas e no que o anuncio do primeiro cabeza de cartel é da poeta, compositora e música de Chicago. Patti Smith chega á Coruña catro décadas despois de ‘Horses’, o seu album debut - producido por John Cale– e co que ascendeu de inmediato aos altares do rock. Entre ese e o seu último traballo por agora, Banga (2012) hai medio século de sons crús e vehementes acoirazando unhas letras que a levaron a ser alcumada como “a poetisa do punk”.

 

Chega con 72 anos e unha paixón que reborda. A idade non perdoa, certo. Aí están os olvidos ao interpretar “A Hard Rain's A-Gonna Fall" de Bob Dylan cando en nome deste foi recoller o premio Nobel que en 2016 lle concederon ao de Minnesota, ou os olvidos cando cantou en 2015 no Auditori Rockdelux o ‘Perfect Day’ de Lou Reed. Mais nada diso empaña o enérxico deslumbre que Patti Smith imprime sobre as táboas ao seu cancioneiro eterno para o rock´n´roll nuns directos catárticos.

 

Foi ela quen ensanchou as avenidas do punk, quen axitou de novo un rock sobrado de espectáculo e quen fundiu poesía cunha música nova, áspera e impactante que durante anos ferveu deambulando por Nova Iork. Un legado que fuxe de ser encapsulado pola nostalxia e que revive en cada directo a través da voz de Patti Smith.