Os paxaros dos Eidos enchen de sons as paisaxes do Courel

Xabier Vázquez Pumariño guía a ruta dos paxaros dos Eidos. (Foto: María Otero Fernández).
O Festival dos Eidos, que cada ano congrega ducias de persoas na contorna da casa natal de Uxío Novoneyra, despediuse este domingo de Parada tras gozar de tres días de poesía, música e natureza.

A Fundación Uxío Novoneyra acolleu a pasada sexta feira a estrea dunha nova edición do Festival dos Eidos, un encontro arredor da poesía que cada ano acolle público novo, coñecedor da obra do poeta do Courel, admirador da paisaxe e disposto a deixarse sorprender.

Conseguiuno a lectura dos versos de Carlos Oroza, que soaron desde a ventá do cuarto que habitou na Casa da Fonte, hoxe sede da fundación, e tamén a conversa que mantiveron na xornada inaugural Xabier Cordal e Antón Reixa a propósito da escolma poética Enciclopedia Perplexidade (Faktoria K de Libros), escolma da poesía de Reixa escrita entre 1976-2023.

O público, "chegado das aldeas do Courel e das comarcas da contorna, ademais da comunidade que nos acompaña sempre" sinala Branca Novoneyra, foi aos poucos mudando de escenario, sábado e domingo, da aldea aos soutos da contorna e da horta ao curral, onde as propostas líricas e musicais foron protagonistas. 

Os poetas Antón Lopo e María Sánchez conversaron na tarde do sábado arredor dos seus libros no marco do espazo de animación á lectura Afinidades Electivas, que tamén procura o encontro entre creadoras e creacións nas distintas linguas do Estado.

En calidade de editor, Lopo repetiu na mañá do domingo ao carón da poeta Nieves Neira, unha das maiores entendidas na obra de Novoneyra. Xuntos presentaron a última edición de Os Eidos. Libro do Courel (Chan da Pólvora), de cuxas páxinas escolleron versos para recitar e compartir co público.

Todos descobren un significado novo cando se paran a escoitar a realidade do poema, elementos concretos que están na natureza

Patrimonio natural

Os máis dos nomes que enchen a programación do Festival dos Eidos muda ano tras ano, mais hai un que se repite desde a primeira edición. Xabier Vázquez Pumariño, biólogo, ornitólogo e consultor ambiental, regresa cada ano ao Courel para descubrirlle ás lectoras de Os Eidos o son real das paisaxes que Novoneyra refire nos seus versos.

"Son moitas as referencias que atopamos en Os Eidos, e non só a aves, senón tamén a plantas, a árbores, a  ecosistemas enteiros; a parte doutras alusións máis coñecidas a topónimos, á arquitectura ou á xeografía".

Vázquez Pumariño fala dunha obra "con moitas aproximacións" que o puxo na pista dunha actividade que volve un ano tras doutro para dotar dun sentido completo moitos dos poemas que os e as lectoras de Novoneyra xa coñecen. "Hai quen se achegou a ela de forma intensa e quen a visitou só un pouco, pero todos descobren un significado novo cando se paran a escoitar a realidade do poema, elementos concretos que están na natureza, nunha natureza concreta, ao carón mesmo da casa de Uxío, en Parada, na propia aldea".

Xabier Vázquez Pumariño guía a ruta dos paxaros dos Eidos. (Foto: María Otero Fernández).

O biólogo cita o fenómeno nature writing ou 'literatura de natureza' que nos países anglosaxóns gozza de gran tradición. Na Galicia é máis difícil de identificar, mais "creo que Uxío Novoneyra ten unha compoñente clara dentro da súa obra", malia facer poesía no canto de narrativa.

Uxío Novoneyra reflicte de forma moi clara esas paisaxes sonoras

Neste contexto Vazquez Pumariño deseña cada ano un paseo polo contorno da Casa da Fonte para "escoitar, máis que ver" os paxaros que saen nos poemas. En cada sesión convida un grupo reducidos para pasear polos soutos do Courel poñer o oído a proba. "Uxío reflicte de forma moi clara esas paisaxes sonoras, até o punto de chegar a saber en que hábitat estaba e mesmo en que mes ou época do ano ocorría un verso concreto. E isto para min ten moito valor".

O público, afirma o ornitólogo a Nós Diario, reacciona sempre moi ben e de forma moi positiva a esta descuberta que no seu paseo amplía con algunha referencia á xestión forestal dos soutos e de como se perderon algúns dos hábitats ligados á actividade humana presentes na obra de Novoneyra.

Xabier Vázquez Pumariño guía a ruta dos paxaros dos Eidos. (Foto: María Otero Fernández).

Na edición deste ano o Festival dos Eidos programou dos paseos para escoitar os paxaros de Os Eidos. "O piquelo, que a min me gusta moito, unha ave características de soutos maduros como os do Courel, moi abondosa e cun son característico. O cabalo rinchón, un paxaro carpinteiro tamén moi abundante".

Aínda que non se escoita moito neste tempo, porque é un paxaro migratorio, Vázquez Pumariño tamén se detén no hábitat do oriol, mais tamén atende aos cotolovíos e os paspallás. "Falamos das aigas, e iso dáme pé a falar das aves rapaces, se ben ese ano non vimos ningunha, pero si observamos especies comúns como o paporrubio a papuxa das amouras ou a carriza".