Pecha o Charenton, un local cultural autoxestionado de Vigo

Imaxe dunha das actividades no Charenton

Abriu hai un ano, realizou máis de 150 actividades, acadou máis de 700 socios, pero non puido sobrevivir ás denuncias dun veciño e á inacción do Concello.

Hoxe sorprendía nas redes sociais o anuncio do peche do Charenton, un coñecido local autoxestionado de Vigo. Problemas de queixas dun veciño e visitas continuadas da Policía local obrigáronos a eliminar a programación musical, o que desembocou nunha situación insostible desde o punto de vista económico, tal e como nos contou María, portavoz da asociación que sustenta o local: “A música é imprescindible para nós”. 

Tentaron solucionar a cuestión co Concello pero non foi posible: “Falamos con eles, pero dixéronnos que este tipo de licenzas non as podemos conseguir e dixéronnos, literalmente, "cun veciño deste tipo -mosca cojonera- non podedes continuar adiante”. 

María reitera que o resto dos veciños están encantados co local: “Organizamos máis de 15 actividades ao mes, temos unha biblioteca, hai clases, temos máis de 700 socios e socias en só un ano de actividade. Falamos cos veciños e non teñen ningún problema con nós senon todo o contrario”. 

A idea continúa

Sen embargo, explica, “só pechamos como espazo físico, porque a asociación continúa e intentaremos montalo noutro sitio”. Este abril será un mes de despedida, no que colaborarán músicos e artistas, haberá mercadiños para vender todo o material, mobiliario, etc. 

No seu Facebook explican polo miúdo as razóns e as circunstancias e amplían a reflexión ao resto de Vigo: “A cidade está perdendo sangue (por exemplo o recente peche do Xancarajazz). O estado actual das cousas é dificil en canto a solicitudes, licencias, lexislacións, burocracia, e dificultades que sofren colectivos que deciden desenvolver unha actividade cultural ao marxe da maquinaria institucional. Queríamos ser autosuficientes, dar unha oportunidade en condicións a proxectos peculiares e un uso dun espazo de valor histórico desde e para a xente. Tivemos eventos interesantísimos co local cheo e como non, tamén baleiro”.