Albums de aquí e acolá / Mero

“Pepe Quintas-Canella non ten unha gran voz, ten a voz precisa”

Baldomero Iglesias, 'Mero'.

É un dos cantores de intervención máis infatigábeis de Galiza. Baldomero Iglesias, Mero (Vilalba, 1951) leva máis de corenta anos percorrendo camiños, protestos, palcos, centros sociais, como un Woody Guthrie dos tempos salvaxes. Experto na tradición, poeta, entusiasta, Mero fixo parte de emblemáticos conxuntos da canción galega e nunca perde ocasión de reivindicar a materia poética galega.
 

O seu coñecemento das músicas de raíz é oceánico. Por iso non dubida en rescatar, na súa escolla galega para Albums de aquí e acolá, unha peza soterrada, hoxe ignorada: Porque no mundo menguou a verdade, de Xosé Quintas-Canella. “É unha das mellores mostras da discografía galega dos últimos anos”, sinala, “que te transporta aos séculos medievais”. Publicado en 1978, o elepé recolle algunhas das máis célebres cantigas trobadorescas.

De intrumentación frondosa -zanfona, cítola, guitarra, laúdes, rabel, baixos...-, e ángulos case acid folk, ningún xénero da poesía medieval fica fóra. O amor, o amigo e o maldizer “crúzanse coa sensibilidade de Quintas-Canella”. Quen é, segundo Mero, “un home calado, pero moi sensíbel e atento a cousas que outros pasan por alto”. “Neste disco por min venerado”, engade, “non ten unha gran voz, pero ten a voz precisa”.

 

Meendinho, Don Dinis, Airas Nunes ou Pedro da Ponte son os compositores de Porque no mundo menguou a verdade, unha obra que asinan, como coautores, Eloy Vázquez e Ánxel Barbadillo. E á que o propio Mero achegou traballo. “É o colmo da sinxeleza, pero agrada tanto”, di. Xosé Quintas-Canella naceu en 1947 en Ourense, aínda que as súas raíces están en Allariz. En 2016 recuncou e gravou Alfa e Omega, tamén con repertorio maiormente medieval.

 

Fundador de Fuxan Os Ventos e mais da Quenlla, a Mero préstanlle músicas folk e músicas militantes. Ambas as dúas vertentes fúndense no disco internacional que elixe, Canto rodado (1993), de Olga Manzano e Manuel Picón. “A última vez que estiven con Manuel deume este disco, sobre poemas do canario Pedro Lezcano”, lembra ao que foi seu amigo.

Uruguaio, exiliouse primeiro na Arxentina, onde coñeceu a súa parella artística e sentimental Olga Manzano, e despois no Estado español. Autores de elepés clásicos da canción comprometida como Fulgor y muerte de Joaquín Murieta (1974) -cun texto de Pablo Neruda-, a súa existencia na época posterior aos cantautores politizados foi difícil. A noticia da súa morte en 1994, publicada en El País, recollía os graves problemas de supervivencia económica da familia.

 

“Canto rodado fala do medo, fala da paz, fala dunha muller que se chamaba La Rama”, explica emocionado Mero, “fala dos ventos don sur. Ten o Romance del Tiempo ou a canción que lle dá título”. Os versos de Lezacano, amais de poeta, nacionalista canario de esquerdas, son, ao cabo, os dun ser humano que “fala da súa terra”. E conforman a derradeira obra de Picón, quen, lembra Mero, “tiña unha relación especial con Galiza, talvez pola súa ascendencia galega. Trabamos unha amizade moi bonita”.

 

Mero conclúe cunha xustificación conxunta das súas preferencias: “Estes dous discos sofren un inmerecido esquecemento”.