O percebe, de Aguiño!

Un percebeiro de Aguiño traballando (Foto: Antonio Parada).
A Festa do Percebe de Aguiño fai 25 anos e a Confraría de Pescadores de Aguiño e Carreira celebra o seu centenario. Neste contexto, as expectativas son moi altas para unha exaltación que se converteu xa nunha cita ineludíbel da gastronomía galega e que de seguro vai facer a delicia dos padais de locais e visitantes.

Como cada ano desde 1997, ten lugar en Aguiño (Ribeira, O Barbanza) a Festa do percebe. A celebración decorrerá mañá, día 28, último domingo de xullo, e virá cargada cunha tonelada do exquisito e prezado marisco, que fará a delicia dos padais de locais e visitantes.

E non é para menos, xa que se trata dunha anualidade dobremente redonda, xa que é a 25 edición dunha festa que naceu coa intención de pór en valor o produto da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, a cal, á súa vez, cumpre 100 anos.

A elección da citada data, o último domingo do mes de xullo, ten a súa explicación, xa que desta maneira cadra coas mareas vivas e pódese achegar un percebe de calidade óptima. Neste sentido, a fama do produto estrela de Aguiño radica na súa calidade e os mellores exemplares atópanse nas rochas máis castigadas polo mar, en pedras perigosas e nos acantilados de difícil acceso, polo que a tempada de mareas vivas (cando máis sobe e baixa a marea) permite a recollida do mellor percebe.

Trátase da cita de exaltación gastronómica máis importante de Ribeira e con esta distinción recoñécese o traballo que arrodea a recollida do percebe, un oficio artesanal único. A calidade das augas que baten nas rochas onde se cría fai do percebe de Aguiño un produto único e con identidade e un prato característico da dieta atlántica.

O prato de Buño co que se serven as racións irá incluído no prezo

En concreto, a festa dará comezo mañá ás 12 horas e a música correrá a cargo de Leite con Jalletas. A ración de percebes, de 350 gramos e cun custo de 18 euros, será servida nun prato de cerámica de Buño, conmemorativo do 25 aniversario da festa e incluído no prezo, e estará acompañada de cachelos e pan. Ademais, poderase degustar empanada de carne e atún, e habilitarase unha polbeira que servirá churrasco e polbo.

"Estamos notando o incremento dos custos nos preparativos en todas as cousas que temos que adquirir, mais ímonos manter na liña de non elevar os prezos, a inflación é a principal preocupación que temos, polo resto todo vai ben, xa temos todo case preparado excepto aquelas cousas de última hora, como a colocación das mesas", explica a Nós Diario o patrón maior da Confraría de Pescadores de Aguiño e Carreira, José Antonio Santamaría.

Selo conmemorativo

Tras 24 edicións, 25 coa deste ano, cunha crecente asistencia de público, a Festa do Percebe de Aguiño converteuse nunha das citas ineludíbeis da axenda gastronómica da Galiza, na que percebeiras e perceiberos suman esforzos para dar a coñecer e degustar este produto á sociedade, cuxa fama de calidade traspasa as nosas fronteiras.

"Imos pór este ano unhas camisetas á venda, que xa se poden adquirir na sede da confraría, así como os tickets da festa. Con isto, que é a primeira vez que o facemos, temos a intención de conmemorar os 25 anos da festa. Ao mesmo tempo tamén incluirán o novo selo do pósito con motivo dos seus 100 anos de historia", acrecenta a este xornal o patrón maior.

"Queremos pór o foco tamén sobre o prato de cerámica de Buño, que terá un deseño especial conmemorativo para que queden no recordo estes 25 anos. Moitas veces a xente deixa o prato por educación, mais queremos que saiba que é unha lembranza que poden levar", afirma Santamaría.

A importancia en cifras

Na última década, segundo os datos de Pesca da Galiza, comercializouse en Aguiño unha media de 33 toneladas de percebes que supoñen uns ingresos superiores ao millón de euros. Porén, as capturas destes crustáceos minguaron nas dúas últimas anualidades, con algo máis de 20 toneladas vendidas en 2022 e lixeiramente por riba das 21 no ano 2023.

O novo período de extracción do percebe comezou este verán en Aguiño o 2 de xullo. "A campaña non pinta moi ben, igual que estes últimos anos, polo que todos sabemos, as especies do mar pasan unha época difícil. Estamos cun ollo no produto e con outro nos prezos por se houbese que parar a recollida e sempre coa intención final de preservar o recurso", sinala o patrón maior da confraría.

Neste sentido, hai 20 anos, en 2004, a recollida de percebe en Aguiño chegou ás 62,5 toneladas, o triplo das 21,5 que recolleron o pasado exercicio, o de 2023. Con todo, esta confraría segue sendo unha potencia na explotación destes crustáceos, con máis de 75% das capturas e das vendas totais da ría de Arousa na última década. 

Máis de un de cada 10 quilos de percebe que se recollen na Galiza proceden de Aguiño, cunha facturación nos últimos 10 anos que supón 13% do total do país (o percebe deixou na Galiza unhas vendas medias de 8,6 millóns de euros por ano).