Máis

Peter Punk saca a lingua a pacer

Isaac Rodríguez é Peter Punk. (Foto: Fernando Lema)
Leva máis de 20 anos mostrando que a impertinencia do pallaso é tan subversiva como necesaria. Peter Punk presenta un novo espectáculo, Con lingua propia, no que dirixe as labazadas cara á situación da lingua. E todos os pallasos saben que canto máis difícil é a situación, máis forte sae a risa. E non para, mañá actúa na Coruña, o sábado en Touro, o domingo en Rodeiro, a terza en Compostela... 
Chungo ke te cagas! Quen non escoitou algunha vez o "grito de guerra" de Peter Punk? O pallaso máis célebre da Galiza —tamén coñecido, aínda que menos, polo nome de Isaac Rodríguez— leva máis de vinte anos vivindo do circo. Dúas décadas nas que se afixo a sacar a lingua diante da audiencia: tanto, que o seu novo espectáculo fala dela. Con lingua propia, estreada recentemente en Bergondo, xoga con esa lingua de cada unha e coa lingua da comunidade.

"Sacar a lingua acabou sendo un sinal de identidade de Peter Punk -mesmo cheguei a crear o  hashtag #conlingua propia. E por outra parte, o galego tamén é unha característica innegociábel dos meus espectáculos, así que, pensando nunha nova obra, quixen unir as dúas acepcións da palabra e xogar aos equívocos con elas", explica a Nós Diario. "É unha forma de facer brincadeiras coa realidade lingüística que, lamentabelmente,  padecemos neste país".

Para Peter Punk, o humor é unha forma de superar unha realidade lingüística que considera, parafraseando a expresión coa que se fixo célebre, chunga ke te cagas. "É bastante triste. Eu compároa coa praga de eucaliptos que anega o país. Eu son do centro de Vigo, e a miña familia era castelán falante. E cando era un cativo pensaba que o galego era unha especie de lingua auxiliar do castelán, que estaba aí pero dunha forma subsidiaria. E que iso debía ocorrer tamén co francés, co italiano... cada unha coa súa propia muleta. Creo que é unha imaxe moi significativa da situación de diglosia na que nos movemos diariamente".

O futuro pallaso concienciouse no instituto e na facultade, ao entrar en contacto con persoas galegofalantes, coa riqueza dialectal da lingua e coas inxustizas a que daba lugar esa diglosia, e acabou converténdose nun activista do galego.

"Vivimos unha situación lingüística na que montar un espectáculo en galego xa te converte nun referente social", reflexiona Isaac Rodríguez.

"Mais no espectáculo non hai nada diso: eu tendo a ser moi explicativo, pero non me gusta dicirlle á xente o que ten que facer e, daquela, non quero focalizar o espectáculo aí. O que ocorre é que xorde de forma natural. Por exemplo, dependendo do lugar onde actúe, é bastante normal que eu pida voluntarias e que se comece a oír yo, yo, yo. Entón retruco con eu, eu, eu, até que todo o público toma conciencia da situación e pasa de forma natural ao galego. Xogo moito con esas situacións, creo que é máis orgánico e máis efectivo que pórse a soltar a chapa. En realidade, vivimos unha situación na que o mero feito de montar un espectáculo en galego xa funciona como un referente social", confesa.

Como el mesmo recoñece, un dos elementos que máis chama a atención nos espectáculos de Peter Punk é o manexo da ambigüidade que fai que tanto as maiores como a cativada gocen por igual das súas argalladas.

"Os meus espectáculos son como as cebolas, teñen moitas capas. Emprego cousas que os nenos e as nenas poden oír, aínda que non as entendan. Rin coas rutinas típicas do pallaso, as máis visuais, e as persoas maiores collen outras chanzas. Pero todas quedan cunha base do conxunto: está moi ben que as pequenas comecen a facerse preguntas. Despois de vinte anos de traballo, xa empezo a recibir a fillos e fillas das primeiras nenas que viñeron verme, e imaxino que agora entenden todo doutra maneira. Ademais, o humor ten a capacidade de contaxiar, e todas as persoas do público, teñan a idade que teñan, acaban implicándose por igual, participando en grupo e axudándose as unhas ás outras".

Nese sentido, a experiencia de ter traballado na rúa foi esencial para ir adquirindo esa pericia para conducir o público cara o interior do espectáculo.

"Si, cando vivín en Italia, traballaba basicamente na rúa, e aí o público é moi heteroxéneo: pasa xente de todas as idades, de todas as razas e de todas as ideoloxías. E con ese contacto directo que che dá o traballar a pé de rúa vas aprendendo a facerlles rir a todos, e a recoñecer as características básicas de cada persoa espectadora".

Un pallaso solidario

Pero o compromiso coa lingua non é o único que cultiva. Peter Punk tamén é un referente en cooperación internacional e traballou con refuxiados ucraínos, en campos de refuxiados sirios en Grecia, en Colombia... e, varias veces, en Palestina. A terríbel situación que vive agora Gaza, con Israel perpetrando un xenocidio sobre a poboación civil, obriga a preguntarlle como ve a situación despois de coñecela sobre o terreo.

"Por suposto, a escalada é absolutamente brutal, pero cando coñeciches aquilo, tampouco podes dicir que sorprenda. A situación do pobo palestino é terríbel desde hai décadas, vivir alí é un constante exercicio de resistencia, o Estado israelí fixo de Palestina un inferno onde a vida é imposíbel, comparábel ao ghetto de Varsovia. E non fai caso ningún ás condenas internacionais, nin as resolucións da ONU... Agora parece que quitaron as máscaras, pero as intencións xa se podían adiviñar desde hai moito tempo: ían ocupando terreo pouco a pouco, expulsando a poboación o someténdoa a unhas condicións humillantes. Non sei que ten que pasar para que alguén lle poña freo a esta barbarie", explica.

Unha escalada e unha impunidade que se pode albiscar noutros eidos da convivencia. "As cousas non pasan de súpeto. A ultradereita aparece como unha minoría residual, vai medrando pouco a pouco e parece que non pasa nada. Pero cando nos demos de conta, xa estaba nas institucións. É moi perigosa esa inacción ante un perigo tan ameazador", salienta. 

'Chungo ke te cagas'

Isaac Rodríguez aínda estaba creando a súa propia personaxe mesturando o mito de Peter Pan, o neno que non quere converterse nun adulto, co termo punk, máis transgresor e inclinado á provocación. Naquelas datas, logo da catástrofe do Prestige, naceu o movemento Nunca Máis na Galiza e así xurdiu Peter Punk no país de Nunca Máis.

Axiña chegou Chungo ke te cagas, un espectáculo que mantén vivo e que lle dou a sona que agora ten por toda a Galiza.

"É o clásico espectáculo de baúl e maleta que podes levar a todas as partes e que permite actuar igual nun teatro que nunha rúa. Esa frase, ademais, é unha forma particular de dicir ese clásico do circo, máis difícil aínda! Xurdiu tamén dunha forma casual e agora forma unha parte imprescindíbel do universo de Peter Punk".