Como dicilo?

Pintar

A deusa Ocasión, pintada parcialmente calva.

Un dos significados principais do verbo pintar é o de 'cubrir con pintura' (Temos que ir pensando en pintar a casa) e outro ‘representar unha imaxe mediante pintura’ (Pintou unha paisaxe da beiramar). Un, máis minoritario e usado en xeral para froitos, é o de ‘ir adquirindo cor, ir medrando’ (Xa pintan as viñas), e de aí que empreguemos ese sentido de ‘irse desenvolvendo’ para outras cousas e mesmo materias abstractas (Como pinta ese asunto) mediante o verbo ou co substantivo pinta ‘aspecto’ (Que tal pinta ten?). Pintar –por extensión- adopta o sentido de ‘representar, coller o aspecto de’ (Estivo pintando o mono toda a tarde).

 

Pintar el mono/pintar la mona, tamén existe en español mais parece que tanto en Latinoamérica como na península predomina o matiz de ‘estar ocioso, no hacer nada o no servir para nada’ mentras que en galego predomina o sentido de ‘dicir ou facer inconveniencias’.

 

Sexa cal for o aspecto significativo predominante, podería pensarse nunha orixe galega da locución: a abundancia de emprego en galego de locucións co verbo pintar con ese significado poderían ser un bo argumento. Efectivamente, en galego temos tamén pintar o parvo, pintar a cana verde ou pintar o sete. E dun neno ou nena que fixo moitas trasnadas dicimos que pintou as do demo.

 

En galego temos tamén pintar o parvo, pintar a cana verde ou pintar o sete. E dun neno ou nena que fixo moitas trasnadas dicimos que pintou as do demo

 

 

Tamén en portugués abundan este tipo de frases feitas: pintar a macaca, pintar o caramujo, pintar o burro, pintar o sete, pintar a manta, pintar a bexiga, pintar o caneco, pintar o diabo, pintar o diabo a quatro.

 

Citabamos antes pintar a cana verde ‘armar rebumbio, barullo, follón‘ e a frase podería ter orixe na flexibilidade e o ruído da planta movida polo vento, maior aínda cando é nova e está verde. Tampouco é casual que unha danza folklórica portuguesa moi movimentada (ben coñecida en Portugal e moi espallada no Brasil) se chame a cana verde.

 

Para rematar aludiremos a unha expresión que aparece -con variantes- en distintas linguas, a ocasión píntana calva, como invitación a aproveitar o momento propicio para facer algo.

 

Na Antigüidade grecolatina, a Ocasión, unha das formas que adoptaba a deusa Fortuna  (e así era pintada nos cadros e representacións debuxadas) era a dunha fermosa muller núa, con ás e que levaba un pé pousado enriba dunha roda e o outro no aire. Tiña unha longa cabeleira na fronte e era totalmente calva no resto da cabeza. Cumpría, daquela, pillala cando pasaba por diante, pois des que xa pasara resultaba imposíbel por tras.

 

Non perdamos a ocasión de mellorarmos a nosa lingua.