Poesía para rachar mordazas nun novo Festival do Condado

Festival da Poesía do Condado nunha pasada edición.

‘Que nom te silenciem’ é o lema escollido para a 32ª edición do evento, que será apresentado esta sexta-feira na Arca de Noe, en Vilar de Santos

Concertos, poesía, exposicións, audiovisuais, palestras, artesanía e desporto encherán Salvaterra de Miño o próximo 1 de setembro nun Festival da Poesía do Condado que concentrará todo o seu programa nunha soa xornada. Esta sexta-feira 15 de xuño, a Arca de Noé de Vilar de Santos acollerá a apresentación da trixésimo segunda edición da festa. Será ás 22 horase o acto contará cun concerto de K-Neves do Autoblues Chicago-Fornelos.

 

“Embora este ano reducimos a un só dia o festival, compensarémolo cunha ampla e variada programación que, como sempre, terá a música e a poesía como o seu eixo central”, indican desde a organización do festival, que este ano escolleu ‘Que nom te silenciem’ como lema.

 

O Festival da Poesía do Condado, cunha longa traxectoria ás costas, volve reafirmar a súa consciencia política a través da reivindicación na que centra cada edición. “É un festival que leva 32 edicións, e as xeracións anteriores xa usaban estes lemas para que os poetas creasen poesía en torno a estes temas”, explica Xocas Lorenzo, membro da SDC Condado -entidade organizadora-.

 

Lorenzo xustifica esta declaración de intencións como unha reacción ante os ataques á liberdade de expresión “que están chegando a uns límites inaceptábeis”. “É unha frase que resume o 155, o secuestro dun libro, as penas de prisión por cantar, que uns rapaces se vaian comer 13 anos na prisión por unha pelexa nun bar…”, conclúe.