A Pomba do Arco trae de volta á Mariña a Pardo de Cela

Pedro Pardo de Cela nun lenzo de Miguel Álvarez depositado na Deputación de Pontevedra. Foto: (Deputación de Pontevedra).

A casa da cultura Poeta Manuel María de Foz acolle entre 29 de xullo e 1 de agosto a XXVII edición das xornadas de historia de Foz organizadas pola asociación A Pomba do Arco. A figura de Pedro Pardo de Cela volve a ser un dos temas tratados no encontro deste ano.

Pedro Pardo de Cela é outro veciño máis para as xentes da Mariña. Malia  ter transcorrido perto de 550 anos da súa execución por orde dos Reis Católicos na praza de Mondoñedo, non hai outro personaxe histórico máis vivo entre as xentes do común da comarca da Mariña. Unha memoria que se transmite a través lendas e contos, de xeración en xeración, mantendo presente a lembranza do mariscal rebelde.

 A memoria popular arredor de Pardo de Cela non escapou aos embates do cambio social e das mudanzas na formación galega. Porén, como demostraron Xosé Filgueira Valverde e Xosé María Álvarez Blázquez nos seus traballos sobre a presenza do mariscal na literatura popular galega, a parte nuclear da tradición oral asociada a Pardo de Cela é practicamente contemporánea a súa morte.

A tradición oral arredor de Pardo de Cela está  dirixida a significar o seu valor, lealdade e fortaleza, virtudes asociadas a todo bo cabaleiro. Neste sentido, a parte maioritaria das lendas e contos están referidas ao seu asasinato en 1483 mais tamén a súa loita contra os casteláns.

As loitas da Galiza contra Castela do século XV

Unha mariñán de Mondoñedo que leva décadas investigando a figura de Pardo de Cela achegará  a figura do mariscal aos asistentes ás xornadas. O autor do relatorio, Antón Meilán, traerá a  Pardo de Cela á historia, recuperando as súas loitas contra Castela no marco da revolución do século XV.

A palestra de Meilán recupera os capítulos esenciais para coñecer o sentido da loita de Pardo de Cela. Neste punto, repara no cerco da fortaleza da Frouseira polos Reis Católicos, nos seus anos de combate contra Castela, no seu degolamento e, tamén, nas 1.500 persoas que deberon exiliarse a Bretaña e Portugal por apoiar a revolución do século XV que el lideraba no norte galego.

Antón Meilán é catedrático xubilado da área de Lingua e Literatura Española da Universidade de Oviedo e profesor emérito dese mesmo centro académico. Pardo de Cela é unha das liñas de traballo da súa carreira como investigador, sendo autor de diversas publicacións sobre esta personaxe ou da súa filla Constanza, morta en Caldaloba (Cospeito) en 1484 loitando contra Castela

27 anos de xorndas de historia de Foz

A XXVII edición das xornadas de historia de Foz tocará, ademais da figura de Pardo de Cela, a medicina popular galega, a represión dos mariñas por parte dos nazis e a realidade da comarca da Mariña durante a romanización. A primeira das palestras correrá a cargo de Rafael Quintía, a segunda de Antonio Múñoz e a terceira de Antonio Baixeras.

O presidente da asociación A Pomba do Arco, a entidade organizadora das xornadas, Marcelino Villarino, sinala a Nós Diario “que a actividade responde á vontade de divulgar e achegar a historia á xente”. Neste punto, destaca que levamos “27 anos con esta actividade e a resposta da veciñanza da Mariña é cada ano mellor”.