O 'Cortexo das Letras' percorreu Pontedeume

Xulio López Valcárcel na praza da Angustia de Luís Pimentel (Foto: Nós Diario).
O Ateneo Fernán Martín de Pontedeume celebrou o 17 de Maio cun cortexo que abrangueu todas as manifestacións da cultura.

O Ateneo Fernán Martís de Pontedeume -en colaboración co Colectivo Terra, o propio Concello da vila e a Deputación da Coruña- organizou esta pasada sexta feira un Cortexo Cívico como celebración do Día das Letras para lembrar os 160 anos da estadía de Rosalía de Castro na parroquia eumesa de Breamo. "Pensamos que lembrar 160 anos da estadía de Rosalía en Pontedeume era unha boa oportunidade para recuperar ese espírito de celebración da cultura galega que debe ter o 17 de maio e que vai máis alá da figura homenaxeada cada ano", explica o deseñador Pepe Barro, membro do Ateneo Fernán Martís.

Teresa Moure

A comitiva partiu do Xardín do Lombardero, onde a Fundación Rosalía de Castro plantou unha figueira rosaliana, unha filla daquela que medra ao pé da Casa de Rosalía, en Padrón. O escritor, académico e membro da comisión executiva da Fundación Rosalía, Xosé Luís Axeitos, foi o encargado de saudar o pobo eumés, e de agasallalo coa plantación desta árbore senlleira. Despois, o cortexo trasladouse ao Torreón dos Andrade, onde a poeta Silvia Penas recitou un poema dedicado a Pontedeume de Uxío Novoneira. Neste lugar, o poeta do Courel deu un histórico recital poético en 1960 e anos despois escribiría un coñecido poema en lembranza daquela xornada.

Casilda Alfaro

A seguinte parada foi no Mercado deseñado en 1942 por Antonio Tenreiro (1893 -1972) onde a parella de arquitectos Creus e Carrasco lembraron esta obra contemporánea. Despois, o cortexo parou no número 5 da rúa de Santiago, onde a escritora Teresa Moure lembrou que en 1954, cando só contaba con 25 anos, Xohana Torres foi nomeada encargada da oficina de Telégrafos de Pontedeume, situada no primeiro andar desta casa. O percorrido seguiu no número 1 desa mesma rúa para lembrar que Galo Salinas -director da Escola Rexional de Declamación e autor do primeiro estudo teórico sobre o teatro galego- puxo escola nesta vila. A lembranza desta figura realizouna a actriz Casilda Alfaro.

De Manuel Morales até Luís Pimentel

Xavier Alcalá

A seguinte parada, no número 5 da rúa da Inmaculada, mostrouna o escritor Xavier Alcalá ao  recordar ao empresario Manuel Morales, unha figura que lle inspirou para escribir a súa triloxía Evanxélica memoria. A Comitiva continuou pola rúa de Santo Agostiño para lembrar a Couceiro Freixomil (1888-1955), xornalista, filólogo, bibliógrafo, pedagogo, escritor e erudito que dedicou unha gran parte do seu traballo ao estudo da lingua e da literatura galegas. Del falou Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego, historiador, investigador e divulgador cunha longa traxectoria na antropoloxía. Despois, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello explicou a experiencia de Ramón Regueira (1930-2010), funcionario municipal e amigo de Manuel María, Roberto de Andrade e Novoneira.

A poeta Dores Tembrás foi a responsábel de rememorar Ramiro Fonte (1957-2008) e o cortexo rematou coa lembranza que Xulio López Valcárcel fixo de Luís Pimentel na praza da Angustia, lugar onde se achegaba nos veráns na década de 1950.