Pontevedra exhíbese no Festival de Cine de San Sebastián como sede dos Premios Feroz, que serán presentados por La Dani

Rafa Domínguez, La Dani, Marría Guerra, Miguel Anxo Fernández Lores, Eva Vilaverde e Iván Pontes, no Festival de Cine de San Sebastián (Foto: Concello de Pontevedra)

A cidade do Lérez sitúase como un referente cinematográfico e centra un dos espazos do Festival de Cine de San Sebastián-Donostiako Zinemaldia como sede dos Premios Feroz, unha gala que decorrerá en Pontevedra e será presentada por La Dani, segundo se desvelou este sábado en Euskadi.

A cidade de Pontevedra presentouse este sábado 28 de setembro como a vindeira sede dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián-Donostiako Zinemaldia (Euskadi), un dos eventos máis importantes dentro da cultura cinematográfica internacional. O alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), acompañado dunha delegación municipal conformada polas edís Anabel Gulías, Eva Vilaverde e Demetrio Gómez; xunto cos voceiros do Partido Popular, Rafa Domínguez, e do PSOE, Iván Pontes; puxo voz a ese feito de relevancia para a cultura pontevedresa. A cidade será sede dos galardóns outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) en 2025 e mais na edición de 2026.

“En Pontevedra estamos empeñados en buscar e atopar novos camiños, en ver e aprender todo o que se está facendo no mundo; en estar na vangarda, en facer unha cidade pensada para as persoas. Logralo é un traballo de moitos e moitas, un traballo que brinda oportunidades como a de ser sede dos Premios Feroz por dous anos”, indicou o rexedor. “Os Premios Feroz son un sopro de aire fresco para a nosa programación, e desexo que así o sexamos nós para eles. Queremos ser unha equipa colectiva, onde non quede claro onde empezan os Premios e onde acaba a cidade, e viceversa. A aposta pola cultura ao alcance de todos e todas, e a aposta polo audiovisual son as chaves dunha unión que irá, e xa vai, moito máis alá dunha gala e dunha xornada cunha alfombra vermella”, aseverou.

Durante a presentación, Fernández Lores comentou que “calquera persoa que se achegue a Pontevedra a través dos Premios quedará asombrada. Descubrirá gastronomía, atopará patrimonio, perderase polas súas rúas, comprobará a amabilidade da súa xente e deixarase sorprender cos nosos recunchos e historias. Non repetirá unicamente porque no ano 2026 temos de novo estes premios, repetirá porque quedará namorado desta cidade como eu estou”.

O alcalde agradeceu o traballo de todas as persoas implicadas á hora de sacar adiante a posibilidade de ser sede dos Premios Feroz, “tanto aos traballadores e traballadoras municipais como ás empresas e institucións que se foron sumando unha vez cristalizou esta simbiose”, e agradeceu tamén a presenza do vicepresidente da Deputación de Pontevedra e portavoz do PP na corporación municipal, Rafa Domínguez, así como da do portavoz do PSOE na corporación, Iván Pontes; “feito que fai fincapé e redunda na obrigatoriedade da lealdade institucional e do apoio entre todas as Administracións á hora de sacar adiante citas que transcenden, de xeito evidente, os marcos da Boa Vila”, engadiu.

Ademais, tamén estendeu o agradecemento á Asociación de Informadores Cinematográficos, representada pola xornalista María Guerra, por tomar “a decisión de confiar en nós como cidade e de emprender unha relación que de seguro finalizará coas mellores galas dos Premios ata esta data”.

La Dani presentará a gala

No acto deste sábado decorrido en Donosti tamén se anunciou que a gala dos Premios Feroz de Pontevedra estará presentada por La Dani, que na anterior edición gañou o premio ao mellor actor de reparto pola película ‘Te estoy amando locamente’.

“Sei que todo isto só é unha ilusión e que cando se achegue o momento vou estar con moitos nervios pero serán uns nervios guays. Que tolemia, non? Era dependenta, de súpeto noméanme a un Feroz, gáñoo e ao ano presento a gala… A vida é chulísima”.

“É unha alegría contar coa Dani para presentar a gala dos Feroz”, celebrou María Guerra. “A súa personalidade valente e desprexuizada representa o espírito libre e iconoclasta da nosa asociación”, finalizou.

Previas Feroz en Pontevedra

Durante a súa intervención, María Guerra subliñou que a celebración dos Feroz en Pontevedra vai moito máis alá da gala do 25 de xaneiro: pon o acento no desenvolvemento dunha ampla programación previa que se estenderá desde outubro a xaneiro e que convocará na cidade a algúns dos principais creadores e creadoras do cinema e das series para proxeccións e coloquios. Paula Ortiz, Eduardo Casanova, Lois Patiño e Víctor Iriarte serán protagonistas do mes de outubro e nos próximos días anunciarase a programación de novembro.

Guerra tamén destacou que a AICE acaba de pór en marcha o Programa María Luz Morales: formación práctica e emprego para futuros informadores de cinema e series. Entre os participantes seleccionarase a dous alumnos que obterán un contrato profesional de tres meses nun medio de comunicación. Os docentes serán destacados membros da Asociación e outros comunicadores como Inés Hernand ou Andrea Compton. Terá lugar o próximo mes de novembro no campus Porta de Toledo da Universidade Carlos III de Madrid.

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos que desde 2014 entregan os Premios Feroz para destacar o mellor da produción audiovisual no Estado de cada ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival de Cine de San Sebastián-Donostiako Zinemaldia, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morales.

Nese sentido, este sábado desvelouse que ‘Tardes de soledad’, de Albert Serra, gañou o Premio Feroz Zinemaldia 2024 á  mejor película en competición na sección oficial do Festival de Cine de San Sebastián-Donostiako Zinemaldia.