Pontevedra ponse poética

Yolanda Castaño

En distintos espazos da cidade, a poesía invade de 277 a 29 de xuño as beiras do Lérez con recitais, obradoiros e espectáculos. Pontevedra ponse poética por cuarta vez co festival dirixido por Yolanda Castaño. 

“PontePoética 4” desenvólvese eta quinta feira día 27, o sábado 28 e o domingo 29 de xuño cun amplo programa no que intervirán @s poetas Ana Luísa Amaral, Benjamín Prado, Àngels Gregori, Xavier Rodríguez Baixeras, Elvira Riveiro Tobío, Anxo Angueira, Íñigo Astiz e Ledicia Costas. 

Dirixido pola tamén poeta Yolanda Castaño, o festival ocupará diversos espazos da cidade ademais do Pazo da Cultura e o Teatro Principal de Pontevedra. Un diálogo con Ana Luísa Amaral e Ángels Gregori conducido por Yolanda Castaño abrirá o programa esta quinta feira ás 17.30 no Pazo da Cultura para, a seguir continuar no salón de actos do mesmo espazo un recital colectivo con Ledicia Costas, Íñigo Astiz, Elvira Riveiro Tobío e Anxo Angueira presentado por Antón Sobral. Poesía, música, vídeo e performance continuarán no horario nocturno co espectáculo “Balada do peep-show” de Elvira Riveiro e a dj Carina Posse ás 22:30 Bar Lady Carmiña, na rúa de Paio Gómez Chariño. 

Un obradoiro con Xavier Rodríguez Baixeras inaugurará ás 11:00 a xornada do sábado no Pazo de Cultura que proseguirá ás 17.30 horas cun recital presentado por Xaime Toxo e a intervención de Àngels Gregori, Xavier Rodríguez Baixeras, Ana Luísa Amaral, Benjamín Prado. Un recital con todos os participantes e clausura presentado por Yolanda Castaño pechará o sábado coa sesión das 19:00 no Teatro Principal mais ficará aínda para o domingo o obradoiro de Benjamín Prazo no Pazo da Cultura ás 11.00 horas.