Pontevedra volve ao Medievo e festexa os inventos

O bando municipal manda “celebrar festas de confraternidade con acompañamento de músicos e outros divertimentos” e a veciñanza de Pontevedra e milleiros de visitantes responden. A Feira Franca volve á cidade ao Medievo os días 6 e 7 de setembro. 

Grandes inventos como o compás, garfo, astrolabio ou anteollos son algúns dos ique  Pontevedra celebra na Feira Franca que os días 6 e 7 volve a cidade ao Medievo. Rúas e prazas, tabernas e tendas, toda Pontevedra se transforma e a súa poboación trasmútase no que deberon ser os habitantes da época medieval na máis participativa das celebracións. 

Desde os seus inicios e cobrando forza en cada nova edición, a Feira Franca transmuta a cidade de Pontevedra nunha vila medieval na que xantares colectivos e actividades da época fan das dúas xornadas unha das festas máis atractivas do calendario. Partilar de mesas longas ao modo do medievo nestes días tornouse xa tradición e iso queda á vista en boa parte da zona histórica da cidade. 

Desta volta, os inventos son or protagonistas do encontro. “Soñadores fantásticos que converteron alquimias en tanxibles realidades, que mesturando nafta, nitrato e óxido fixeron arder o lume na auga. Descubridores de casualidades que cambiaron mundos e transformaron a realidade. Heroes silenciosos, anónimos, grandes, que trouxeron as verbas para sempre, a calor e os caldos, a música e a poesía” lese no programa dunha festa que comeza este venres 6 coa chegada dos pregoeiros, claro está, a cabalo. Bailes e música medieval e un espectáculo na Ferraría marcan a saída para o día grande que comezará cando xa pola mañá se abra o mercado medieval e a mostra de oficios. Ás 12 polas rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría e Peregrina recrearase o transporte do viño, unha cita tradicional na Feira Franca. 

Esgrima, danza, cetrería, cantares de cego e o torneo medieval na Praza de Touros completan o programa no que a festa está nunhas rúas das que desaparece a contemporaneidade. 

“Mandamos que as Irmandades poidan ir e vir libremente pola Feira, e celebrar festas de confraternidade con acompañamento de músicos e outros divertimentos. Tamén ordenamos que os veciños e veciñas poidan celebrar xuntanzas das Irmandades nos eirados e prazas que a tal fin se habiliten” di o bando do Concello que a cidade de Pontevedra e milleiros de visitantes atenden cada ano.