Como Portugal salvou o cinema
A 26ª edición de Curtas de Vila do Conde (Portugal) cumpriu cun dos seus principais obxectivos: a divulgación do cinema que non é visto noutro lugar. O crítico Martin Pawley ofrécelle a Sermos Galiza a ollada dun festival que contou cunha programación ecléctica. Eis un extracto da crónica publicada no número 307 do semanario.
Este episodio real inspira o novo filme dun autor maior como é Eugène Green. Nacido nos Estados Unidos, mais francés por vocación, e cineasta tardío –tiña 53 anos cando estreou o seu primeiro filme, Toutes les nuits–, Green é un apaixonado defensor da lingua e a cultura como portadora da memoria dos pobos. O seu cinema é unha festa para os ouvidos, unha festa en que os textos son declamados para desvelar neles a súa absoluta transcendencia. Tamén para os ollos, na súa elegante e repousada aposta polos planos frontais que sitúan o rostro humano –un rostro que fala, que escoita, que pensa– no centro do pantalla. Esas marcas de estilo son as que emprega para relatar a anécdota de Pessoa, que nas súas mans se converte nunha verdadeira salvación de Portugal: as palabras do poeta axudaron a evitar a colonización do país en forma de bebida carbonatada. Máis alá da ironía, da piada cultureta, a curta do xenio francés é unha nova reivindicación da arte e o coñecemento como acto de resistencia.
Para ben e para mal “o gosto cultural forma-se”, como recorda un dos personaxes, e todos nós partillamos esa responsabilidade. Como Fernando Pessoa salvou Portugal, o seu regreso ao país veciño nove anos despois de A Religiosa Portuguesa, é o grande Green de sempre concentrado en 27 minutos, cun elenco sobresaliente encabezado por Carloto Cotta, Diogo Dória e o director Manuel Mozos: poucos nomes nunha pantalla ofrecen tanta esperanza de ledicia para o cinéfilo coma o seu.
[Podes ler a crónica íntegra no número 307 de Sermos Galiza á venda na loxa e nos quiosques]