Prefires fuxir da axenda festiva? Goza coñecendo a Galiza

Unha das últimas visitas dirixidas por Guido Álvarez en Lugo. (Foto: Guido Álvarez)
Estes días, nos que moita xente ten máis tempo de lecer -especialmente as crianzas-, non é preciso limitarse á programación de actividades do Nadal. No país hai outras propostas culturais para facer de forma guiada ou de maneira individual. Queres algunhas ideas?

Non sabes que facer estes días pero non queres sumarte aos actos propios do Nadal? Velaquí van algunhas propostas, pois distintas entidades organizan as súas propias actividades para gozar do lecer aprendendo.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove -coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Neda- un roteiro literario por Neda que contará con Vicente Araguas como guía.

O itinerario terá lugar o próximo 28 de decembro ás 16.30 horas e comezará no adro da igrexa de San Nicolás, a partir de onde partirá a comitiva para coñecer os segredos da vila. As prazas poden reservarse no correo electrónico oficina@aelg.org e son de balde. Esta proposta forma parte do proxecto de AELG de dar a coñecer o país da man das e dos escritores.

Coñecer a biodiversidade dunha plantación de té

A Deputación de Pontevedra, pola súa banda, aposta na ciencia e propón gozar da Ruta da Ciencia Areeiro visitando o centro de investigación e xardín botánico. Mesmo hai unha plantación de té

De feito, este espazo vén de conseguir o selo Observer de turismo científico en recoñecemento ao seu traballo na preservación da biodiversidade.

Para gozar desta visita é preciso concertala. Hai posibilidade de escoller entre as terzas e as quintas feiras e os sábados de 12 a 14 horas.

Outras das iniciativas culturais destas datas son os itinerarios dirixidos polas cidades, como é o caso dos que organiza o turismólogo Guido Álvarez por Lugo. O tamén coñecido como Guido Guía presenta o Lugo menos coñecido e nos próximos días ten previstas dúas rutas. Este domingo 26 impulsa “un paseo de 3 horas por algunhas das obras da cidade neste 2021 no que o muralismo lucense resoou no mundo máis que nunca co campionato da Liga Nacional de Graffiti de Diego AS e co mellor mural do mundo recoñecido no mes de agosto por Street Art Cities”.

Mentres ultima novas iniciativas para primeiros de xaneiro, tamén ten na programación o descubrimento do “senlleiro barrio do Carme".

Conta que este lugar da cidade estaba esquecido e que agora experimenta un rexurdimento cultural que paga a pena coñecer. Será o 30 de decembro. Estas propostas teñen un custo de 6 euros por persoa e calquera pode inscribirse a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com.

Ideas para as e os máis independentes

Se es máis independente, sempre podes elixir outros destinos máis tranquilos e ir pola túa conta. Por exemplo, esta semana no Sermos Galiza -que está esta sexta feira 24 de decembro de forma excepcional nos quiosques- no Andar e Ver atoparás as mellores recomendacións de obras do festival DesOrdes Creativas.

Arte urbana para unha boa xornada de paseo tamén hai en Carballo, onde cada ano decorre o certame Rexenera Fest. Tamén para visitar sen demasiados abafos está a cidade das formigas de Outeiro de Rei -mellor para ir con crianzas-, a Ribeira Sacra ou calquera dos castros destacados da xeografía galega.

Tamén sigue aberta en Compostela a mostra sobre o Café Derby comisariada polo historiador e xornalista Fernando Franjo e a historiadora Ana Castro. Así mesmo, os museos serán visitábeis estes días.