‘Prefiro condenarme’, de Margarita Ledo, seleccionada para o Festival de Locarno

A xornalista, directora e catedrática Margarita Ledo Andión (Foto: USC).

O traballo en formato documental versa sobre Sagrario Fra, mariscadora de Ferrol, condenada en 1972 polo Tribunal Eclesiástico de Compostela por cometer adulterio.

‘Prefiro condenarme’, o filme en formato documental no que está traballando Margarita Ledo, foi seleccionada para o prestixioso Festival de Cinema de Locarno, Suíza.

A obra foi escollida dentro da sección ‘First Look’ do mencionado festival, que se desenvolve durante os ‘Locarno Pro Days’ e selecciona 6 longametraxes en fase de pos produción dun estado diferente cada ano.

Desde 2012, ‘First Look’ foi a plataforma de lanzamento de novas producións de Colombia, México, Chile, Brasil, Israel, Polonia, Países Bálticos, Portugal, Serbia, Suíza, Alemaña e Reino Unido.

‘Prefiro condenarme’ sitúase en 1972. O Tribunal Eclesiástico de Santiago de Compostela condena Sagrario Fra, mariscadora de Ferrol, por cometer adulterio. Nesa época, moitas mulleres son encarceradas ou encerradas nun psiquiátrico polo que se considera un acto delituoso propio de mulleres. “Pero Sagrario Fra vive o amor como insubordinación. Como os paxaros, que voan entre o ceo e a terra, Antígona está latente en Sagrario”.

A obra, dirixida por Margatita ledo, está producida por Olaia Ledo, Carmen Ciller (Nós Produtora Cinematográfica Galega.)

A experiencia de Sagrario, a personaxe real que inspirou Prefiro Condenarme, preséntase a través de lugares, reais e simbólicos, onde sucederon determinados acontecementos; de arquivos persoais e oficiais, e do intercambio entre o corpo da protagonista e o de tres actrices, Melania Cruz, Iria Pinheiro e Mónica Camaño nas que se desliza "ese real tumultuario que é a existencia da que se sitúa fóra das regras para permanecer, coma os paxaros, entre ceo e terra", indicaba Ledo ao inicio da rodaxe.

Alberte Branco na dirección de fotografía, Olaia Ledo Díaz e Nati Juncal na produción, Sisco Lariño no son, Eva Veiga como co-guionista canda as performer Mónica de Nut e Antón Lopo e a compositora Carme Rodríguez son parte do equipo que fará posíbel o filme.