Primeira fornada dos premios da investigación audiovisual
A Academia Galega do Audiovisual entregou esta mañá os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos.
O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia, que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo. Romero recibiu, tamén, un accésit ao ensaio escrito galego con 'O galego no cinema galego' que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.
A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con 'A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento, que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.
Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega, polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.
Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década, que vén cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.
Primeira edición
Esta é a primeira edición destes premios María Luz Morales, que organiza a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións, que pretenden avivar o interese polos estudos sobre o audiovisual, ofrecendo ás persoas estudosas e investigadoras a posibilidade de facer os seus traballos tanto en formato audiovisual como escrito. Nesta primeira edición recibiron 21 propostas coas temáticas e estilos máis diversos.
Estes galardóns levan o nome desta escritora e xornalista galega que dirixiu La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria.